
O certame, explicou o seu director, Juan Enrique Miguéns, comezará o día 5 de maio cun primeiro concerto no Liceo de Ourense a cargo do conxunto vocal e instrumental Americantiga Ensemble (20.30 horas), que repite presenza. Regresa a Ourense cunha formación diferente e un programa musical para conmemorar o bicentenario da independencia de Brasil. O segundo concerto será o 7 de maio no mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (19.00), a cargo do pianista Fabio Álvarez, músico ourensán de Poboa de Trives que presentará ao público o seu segundo traballo discográfico. Chegados de Lisboa, o Quarteto Alcipe protagonizará a terceira xornada o día 10 na igrexa de Santo Ángel de Ourense (20.30). O Liceo acollerá o cuarto concerto, o 12 de maio (20.30), Kosmos Ensemble, un trío inglés de viola, violín e acordeón con obras clásicas no seu repertorio, pero tamén con certa parte de improvisación e de música popular. O mosteiro de Santa María de Oseira será escenario do último concerto do festival, o domingo 14 de maio (19.00), co cuarteto vocal inglés The Orlando Consort. A súa presenza terá un carácter moi especial, pois logo de 35 anos de carreira o cuarteto vén de anunciar o seu retiro. O concerto de Oseira será o último que ofrezan en Europa.