Arrinca o Arquivo Dixital de Foz

Recolle o patrimonio fotográfico colectivo vinculado ao mar e o municipio

Conservas Galbán. Entre latas. / Arquivo Dixital de Foz / Fondo Suso do Breogán
Conservas Galbán. Entre latas. / Arquivo Dixital de Foz / Fondo Suso do Breogán
O Arquivo Dixital de Foz xa está aberto en liña. No momento conta con 530 recursos que o seu promotor, o concello de Foz, entende como punto de partida. Trátase dunha "plataforma para a preservación e difusión do patrimonio documental, relacionado co mundo mariñeiro, dixitalizado polo Concello de Foz con orixe en diferentes fondos fotográficos, documentais e de particulares". Financiado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro, o arquivo destina unha boa parte da súa estrutura aos fondos vinculados ao mar e presta unha especial atención ás propias traballadoras do sector. Pero tamén se inclúe, imaxes de turismo, festas, vídeo ou de persoas do concello. Un aspecto de interese é o aproveitamento de fotografías procedentes dos vizosos grupos de fotografía antiga de Facebook, onde nestes momentos estanse publicando en toda Galicia, un importantísimo fondo documental que pode desaparecer se a plataforma pecha.