O espectáculo 'Inventio' imaxina un futuro sen Camiño de Santiago

Percorrerá a comunidade desde o outono coa súa proposta de gran formato para público familiar

Percorrerá a comunidade desde o outono coa súa proposta de gran formato para público familiar
Momento de 'Inventio'
O ano santo 2022 terá como remate, desde o outono ata entrado o 2023, a xira dun espectáculo de gran formato que usa de diversas artes escénicas e circenses para colocarnos nun futuro distópico, no ano 2094, último ano santo do século XXI, imaxinando que nese momento xa non existe o Camiño de Santiago e ninguén o lembra. Diso vai 'Inventio', o espectáculo que unindo ilusionismo, artes circenses, danza, recursos multimedia, e atmosferas musicais entre a tradición e a electrónica presentouse hoxe ante prensa coa presenza do vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a responsable territorial en Galicia da Fundación "la Caixa", Susan Santos. Baixo a dirección creativa do mago Martín Varela, 'Inventio' trátase dunha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, Xunta de Galicia (a través do programa Xacobeo 21-22) e Fundación "la Caixa", co apoio do grupo Sargadelos, que visitará un total de 15 escenarios de Galicia, España e Portugal de setembro de 2022 a xaneiro de 2023.

'Inventio', segundo explican desde a promotora, é unha creación para público familiar que reborda humor, misterio e fantasía, na que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses; unha experiencia sensorial a un ritmo vertixinoso e con ecos do cinema futurista de Stanley Kubrick, Ridley Scott ou Denis Villeneuve. Sitúase no 2094, o noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado, din na presentación, frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. En Galicia ese é o derradeiro ano Xacobeo deste século XXI. A historia céntrase nunha 'troupe' formada por un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo que comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, xa ninguén o lembra e non quedan peregrinos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin rastro nin lembranza ningunha. Ese grupo teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Con dirección de Martín Varela e dramaturxia de José L. Prieto, o equipo creativo e artístico de 'Inventio' está formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e sete artistas circenses e mais o propio Varela, que exercerá de guía do espectáculo. Á fronte da dirección artística, Suso Montero, escenógrafo cunha dilatada traxectoria en teatro e televisión. Na dirección de maxia, os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e na de circo, Jorge Miquel. Na dirección musical, José Trincado 'Triki', produtor e técnico que traballou con grupos como Milladoiro ou compañías como a Fura dels Baus. Á fronte do ballet e as coreografías, Mercedes Suárez; Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario.

Xira que comeza en Ferrol
A configuración do espectáculo ofrece ademais das achegas dos diferentes artistas, treboadas de neve e torres de vento, pezas interactivas, videoproxeccións, animación audiovisual, música electrónica fundida con composicións tradicionais galegas, simbolismo celta, barroco compostelán e a estética xeométrica e vangardista de Sargadelos, nunha atmosfera de fantasía futurista que recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo de busca e descubrimento. A estrea absoluta terá lugar en setembro do 2022. As primeiras datas confirmadas son as do 30 de setembro e 1 e 2 de outubro, no Teatro Jofre de Ferrol. O espectáculo viaxará despois por grandes salas de toda a comunidade e por localidades seleccionadas de España e Portugal, ata xaneiro do 2023. As entradas para a xira galega de 'Inventio', que visitará Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Lugo e Ourense, estarán a disposición do público a partir do próximo mércores 6 de abril.



Ligazóns