Grampoder publica hoxe o seu novo disco 'PM'

Con eles tamén volta a actividade difusora da plataforma A Regueifa 2.0

O dúo compostelán Grampoder, conformado por dous terzos do trío que foran The Homens, ven de poñer final oficial ao "tempo indeterminado de reflexión e renovación de fondo de armario" co que se despediron en 2015 tras a publicación do seu mini EP 'Tigerland'. A banda xa se deu por "resucitada" dando algúns concertos desde 2019 pero agora é cando esa volta plásmase na forma dunha nova gravación de estudo. O álbum longo 'PM' é a súa nova carta de presentación musical, con este disco de 10 novos temas volven cunha versión máis enérxica, máis eléctrica e máis escura do seu rock portátil. A banda regresa para presentar novas cancións nas que exploran as texturas do pop psicodélico, a rabia do hardcore e a densidade do post-punk, mantendo un formato escénico mínimo.

Segundo a comunicación da banda, 'PM' é todo o que ocorre a partir da metade da xornada, cando comeza a facerse de noite e a inercia do día se fai cada vez máis difícil de corrixir. Gravado a finais de 2021con Jacobo Iglesias nos estudios Potemkin, en Santiago de Compostela, o novo disco de Le Roi e Martin Wu contén dez cancións dominadas pola contundencia das guitarras, a enerxía das percusións e unhas letras feras e desencantadas, que tratan a perplexidade ante a velocidade do mundo, os medos, a frustración e a repulsa ante o engano ao que nos sometemos. Na escoita volvemos atopar esa excelencia da banda, o seu son particular e inequívoco, que fai de cada unha das composicións unha peza traballada con coidado de principio a fin, en todas as súas capas e chea do seu inconformismo conceptual e temático.


Día de reencontros
O lanzamento deste traballo supón ademais o regreso como difusora musical da plataforma A Regueifa, unha iniciativa aparcada fai dez anos como Netlabel pero que é fundamental para entender a emerxente escena musical galega alternativa da primeira década deste milenio. A través dela xurdiron numeroas propostas musicais que chegaron á xente e sen dúbida tiveron influenza na escena musical actual. A Regueifa 2.0 renace co obxectivo de facer oco para os artistas galegos e ser altofalante do barullo creativo disperso da autoedición, "unha plataforma de difusión sen ánimo de lucro dende onde calquera creador/a pode dar a coñecer a obra que con tanto agarimo e esforzo autoedita", di a súa presentación.

Ligazóns