Diego Vites gaña o Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas

A obra gañadora e trinta traballos presentados ao certame estarán expostos ata finais de xaneiro

Diego Vites García (Lugo, 1986), resultou gañado coa súa instalación, 'Rosa', da duodécima edición dos Premios Auditorio de Galicia para Novos Artistas. Antía Vieiro Fernández (Brión, 1999) resultou a segunda seleccionada coa obra 'Unha infancia sinistra'; mentres que o 3º premio foi para Christian García Bello por 'Lonxe, lonxe (coa sardiña no cinto)'. Estas obras formaran parte do conxunto de trinta propostas seleccionadas de entre as que se presentaron a este certame bienal e todas elas poderán verse na Sala Isaac Díaz Pardo do Auditorio de Galicia na capital galega ata finais de xaneiro do 2022.

O traballo de Diego Vites é unha forma en permanente zona de cruce entre territorios periféricos, Islas Canarias, Ecuador e Galicia. "A súa mirada transfórmase nunha máquina especulativa que non cesa de alucinar", destacan dende a organización destes premios. Licenciado en Belas Artes pola ULL en 2009, Diego Vites funda xunto con outros artistas El Apartamento, centro de produción en Santa Cruz de Tenerife, (proxecto gañador da Bienal Of de Arte y Paisaje de Canarias, 2009). No ano 2010 regresa a Galicia e cursa o Mestrado en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea do departamento de Historia da Arte da USC. Funda e co-dirixe o FAC Peregrina, Furancho de Arte Contemporánea. Forma parte do Ciclo de Exposicións Afluentes, A figuración no arte galego dende os anos sesenta; a súa obra puido verse no MARCO de Vigo dentro da exposición Veraneantes para a que realizou dúas pezas site-especifc. En Ámerica realiza varias residencias de arte contemporánea en Ecuador, México e Arxentina, continuando coa súa liña de investigación.

Pola súa banda, Antía Vieiro amosa no seu traballo a representación biográfica da súa infancia a través do debuxo, empregando imaxes que reflicten unha contraposición entre a beleza e o sinistro. Mentres, "Lonxe, lonxe (coa sardiña no cinto)", de Christian García Bello, licenciado en Belas Artes e Mestrado en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo, é un traballo no que "a sardiña preséntase nun molde de espermaceti de cachalote, valioso material vernáculo do pasado baleiro de Galicia". Estes galardóns levan 20 anos recoñecendo e apoiando o talento dos e das artistas galegos de ata 40 anos. Ademais de poder ver a mostra ata finais de xaneiro, de balde, tamén se pode consultar o catálogo dixital en e-auditoriodegalicia.net, así como descargalo. O primeiro premio gañado por Vites comporta unha dotación de 6.000 euros; 3.000 para o segundo e 2.000 para o terceiro.