O Parque do Megalitismo da Costa da Morte volve intentar saír adiante

A Deputación da Coruña e os dez concellos do proxecto reúnense para avanzar na súa adiada consecución

O sempiterno proxecto de Parque do Megalitismo da Costa da Morte será obxecto dun novo intento de saír adiante buscando a cooperación entre dez concellos da área e a Deputación Provincial da Coruña. O proxecto deste parque iníciase co século XXI e desde 2005 ven creando expectativas de posta en marcha e frustrándose unha vez tras outra durante case dúas décadas. O entre provincial e os concellos da Laracha, Cabana de Bergantiños, Carballo, Dumbría, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Ponteceso, Vimianzo e Zas tentarán agora sacalo adiante despois do parón debido á pandemia que obrigou o pasado ano a desviar o orzamento previsto para as primeiras actuacións do parque a outras urxencias.

O vicepresidente e deputado de Plans Provinciais e Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, reuniuse en Carballo con representantes dos dez concellos participantes. Entre outras decisións, aprobouse a aceleración das xestións municipais para completar a compra este mesmo ano de dolmens e menhires catalogados no territorio do parque. Son os propios municipios os que teñen que facer a tramitación de compra ou expropiación dos bens patrimoniais que serán adquiridos desta maneira co financiamento da Deputación por medio de convenios con cada un dos concellos. En total, o proxecto conta este ano cun orzamento de 350.000 euros que se investirán maiormente na adquisición dos elementos do Megalitismo recollidos no proxecto, en total 14 dolmens e 2 menhires, algúns deles que pasaron xa a ser patrimonio público. Ademais da compra de patrimonio, o Comité de Dirección avanzou na necesidade de concretar un plan de sinalización de recursos ao tempo que se desenvolve o proceso de compra de terreos, divulgación e pequenas obras para favorecer a accesibilidade universal.

Proxecto que ven de lonxe
No ano 2003 o Consello da Xunta aprobou o proxecto do Parque do Megalitismo, cun investimento de 4,5 millóns de euros, un dos que integrarían a Rede do Patrimonio Arqueolóxico que deu lugar a outros centros coma o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro ou o Centro de Interpretación da Cultura Castrexa de San Cibrán de Lás. Sen embargo, o Parque do Megalitismo non se chegou a materializar nunca, malia as numerosas protestas dos alcaldes dos concellos da Costa da Morte e interior da provincia da Coruña incluídos no proxecto.
Durante o período do goberno autonómico bipartito (2005-2009) a Consellería de Cultura quixo darlle un impulso ao proxecto e a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo e mais o director Xeral de Patrimonio, Felipe Arias, chegaron a anunciar que o departamento adquiriría quince dolmens na comarca de Vimianzo. Segundo consta na hemeroteca chegaron a iniciarse as conversas entre os donos dos terreos a administración autonómica a tal fin no ano 2007 pero non houbo máis avances nese sentido.



No ano 2010 o consello da Xunta, xa con Alberto Núñez Feijóo á cabeza, aprobou a declaración de incidencia supramunicipal que facilitaría á dirección xeral de Patrimonio Cultural levar a cabo actuacións de índole arqueolóxica e arquitectónica para desenvolver o Parque xa en 2012. A ese fin, a Xunta anunciou que ía destinar 4 millóns de euros nos seguintes 5 anos. Houbo que agardar ata xuño de 2011 para que o Diario Oficial de Galicia publicara a Declaración Oficial de Impacto Ambiental do Parque. Tras diso o proxecto quedou paralizado e foi xa en marzo de 2018 cando a Deputación da Coruña presentou un proxecto de creación dunha mancomunidade de impulso da área patrimonial do Parque do Megalitismo cun investimento de medio millón de euros para a execución dunha parte do Plan Director, en referencia ao trazado no seu momento e nunca realizado pola Xunta de Galicia. Esta liña de traballo entre a Deputación e os concellos é a que agora volve retomarse.