Galaxia abre unha colección de memoria histórica

Iníciase co ensaio Vermellos e laicos de Narciso de Gabriel

A Editorial Galaxia inaugurou co libro Vermellos e laicos unha nova colección centrada na memoria histórica coa que "quere dar continuidade ao longo compromiso da editorial coa liberdade, defensa da democracia e o galeguismo". A nova liña da empresa viguesa achegará "títulos que afonden naqueles feitos que quedaron cubertos co manto da ditadura, tras décadas de silencio e falta de rigor ou xustiza histórica". A colección iníciase co ensaio Vermellos e laicos, do catedrático de Historia da Educación da Universidade da Coruña Narciso de Gabriel. A obra investiga os mestres republicanos que apostaron pola educación laica e a súa posterior represión durante a Guerra civil e o franquismo.