A exposición Galicia, de Nós a nós pon en liña o seu catálogo

A mostra deixa a Cidade da Cultura e poderá verse en Ourense e en Pontevedra

Logo de recibir 15.000 visitas, a exposición Galicia, de Nós a nós fechaba as súas portas este 17 de xaneiro na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. A coincidir co feche da mostra, a organización publicaba na rede o catálogo íntegro da mesma. O volume recolle textos de Afonso Vázquez Monxardín, comisario do proxecto, Ana Acuña, Anxo Angueira, María Xosé Fernández Cerviño, Miguel Anxo Seixas Seoane, Olivia Rodríguez, Xosé Manuel Núñez Seixas e Xusto Beramendi, con deseño de Miguel Anxo Carvalho, de Blau Estudio, e, pretende ser unha "obra de referencia para coñecer un pouco máis sobre o contexto dunha publicación que marcaría o presente e futuro da lingua e cultura galega".

Logo do feche, a exposición continuará a súa itinerancia cunha parada no Centro Cultural Marcos Valcárcel, en Ourense, entre o 18 de febreiro e o 18 de abril de 2021. Nesta etapa, os contidos daranlle máis peso a Ourense como cidade Nós no relato expositivo, "a través de gráficas específicas que incluirán mapas, relacións de colaboradores e localizacións protagonistas da revista, etc", segundo explica a organización. O Museo de Pontevedra é a seguinte etapa, entre o 20 de maio e o 11 de xullo vindeiros.

A mostra está organizada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, e presentouse como a "segunda gran exposición do Xacobeo 2021 e a mostra central do Goberno galego con motivo da conmemoración en 2020 do centenario da revista Nós".