A correspondencia entre Carballo Calero e Otero Pedrayo achega luz ao galeguismo do exilio interior

Foi editada pola Real Academia Galega e o Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia acolleu hoxe á mañá o volume Polos camiños das horas. Epistolario de Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo, no que se recolle o intercambio epistolar entre Ricardo Carballo Calero e Ramón Otero Pedrayo. Son en total 167 textos datados entre 1949 e 1974 que permiten reconstruír unha relación de amizade, de intercambio de coñecemento e de espazos compartidos polos galeguistas que ficaron no exilio interior durante o franquismo. A Real Academia Galega, coeditora do volume xunto co Parlamento, destacou precisamente como estas cartas ofrecen "información de primeira man para coñecer a intrahistoria da cultura de Galicia e de institucións como a Universidade de Santiago de Compostela, a Editorial Galaxia ou a propia RAG, da que ambos foron membros de número". A edición estivo a cargo de Patricia Arias Chachero, Adrián Estévez Iglesias e Nélida Cosme. Patricia Arias Chachero e Adrián Estévez Iglesias asinan ademais o estudo introdutorio e as notas do libro, coordinado polo académico Henrique Monteagudo.