O CDG presenta O charco de Ulises este 14 de xaneiro

A primeira proposta do teatro público para a temporada estrea modelo de coprodución e distribución

Actualización 14/01/2020 Por mor da situacion sanitaria, o CDG adianta media hora as funcións do espectáculo.

O charco de Ulises, a anunciada primeira montaxe das tres que o Centro Dramático Galego levará ás táboas en 2021, terá a súa estrea este 14 de xaneiro no Salón Teatro de Compostela. Santiago Cortegoso e Marián Bañobre dirixen este espectáculo de gran formato que versiona, desde a perspectiva da emigración galega, a Odisea, nun texto que Cortegoso creou en 2010 dentro do programa Iberescena e nos obradoiros de dramaturxia do CDG. Na trama, "Ulises permanece errante durante dez anos viaxando de illa en illa, vivindo aventuras inesquecibles, entre suculentos banquetes e fermosas mulleres. A idea do regreso á patria non o abandona nunca, pero a súa vida non había transcender se non saíra dela. Así, a proposta muda Ítaca por Galicia, Troia por Buenos Aires e o Mediterráneo polo Atlántico", explica a presentación da obra.




A obra conta con Fran Paredes e Inés Salvado Gontad nos papeis principais, acompañados por outros oito actores e actrices, Óscar Allo, Miguel Borines, Mónica Camaño, Rosalía Castro, Raquel Espada, Manuel Millán, Chusa Pérez de Vallejo e Paulo Serantes. O equipo artístico pola súa banda inclúe a Pablo Giraldez no deseño de escenografía, a Saturna no de vestiario e a Xosé Lois Romero no espazo sonoro, entre outros. Logo da estrea, o Salón Teatro acollerá ata o vindeiro 31 de xaneiro outras dezaoito funcións os xoves ás 20:30 horas, venres e sábados ás 17:30 e 20:30 e domingos ás 18h. A función da montaxe acompañada con lingua de signos, prevista inicialmente para o vindeiro 24 de xaneiro, retransmitirase en liña a estrear o novo equipamento audiovisual co que se quere facilitar o acceso aos espectáculos en tempos de pandemia.

Segundo explicou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na presentación da obra este 11 de xaneiro, o proxecto estrea un novo formato na coprodución e distribución de espectáculos do CDG que pretende, reforzar o papel da entidade "como motor escénico galego a partir da crise sanitaria". Un dos principais cambios é a simultaneidade nos procesos de ensaio, estrea e xira das producións propias do ano para "favorecer a dinamización do sector, priorizar a incorporación activa de profesionais e optimizar os períodos de exhibición de xeito coordinado cos escenarios receptores dentro e fóra de Galicia".

Dosier de O charco de Ulises.