A Quinta do Cuadrante e Incendiaria fanse co II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais

As dúas compañías levarán a escena de xeito conxunto A lúa vai encuberta

Unha versión de A lúa vai encuberta, peza escénica escrita en 1977 polo Poeta da Chaira, valeulle ás compañías A Quinta do Cuadrante e Incendiaria facerse co II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. O xurado deste certame daba a coñecer na mañá do 20 de novembro o seu fallo, no que recoñece galardoar "un proxecto importante e ambicioso, tanto no plano creativo como de realización e produción, que se propón mostrar algunhas claves para a comprensión da situación da sociedade galega actual". A obra repasa os principais acontecementos históricos do país ao longo do século XX, de xeito que "estamos diante dun teatro que fala da nosa realidade usando elementos documentais e posibilitando a irrupción do real na escena". Do mesmo xeito, o comité valorou "unha hábil incorporación de diferentes xéneros, mesturando as formas de teatro máis popular, como o cabaret e o musical, con formas máis contemporáneas como o audiovisual e, sobre todo, o teatro documento”.

Incendiaria, composta por Vanesa Sotelo e Davide González e A Quinta do Cuadrante, con Tito Asorey e Melania Cruz, adaptarán de xeito conxunto este texto coa colaboración de Carlos Alonso na escenografía e de Laura Iturralde na iluminación. As dúas compañías contarán con 4.000 euros para desenvolver o proxecto e terán contratadas funcións nos trinta concellos que apoian este certame. As compañías estrearán a montaxe en setembro de 2021. A obra galardoada na primeira xeira, O meu mundo non é deste reino de Teatro da Ramboia, obtivo dous premios María Casares á dirección e á adaptación dun texto na última xeira destes galardóns.

O xurado do galardón estivo composto por Manuel Lourenzo Pérez, Cristina Domínguez Dapena, María Armesto e Alberte Ansede Estraviz, Secretario da Fundación Manuel María, con voz mais sen voto.