Quiosco: Erregueté nº. 100. Vanesa Sotelo e Manuel Xestoso deixan a dirección da revista

A Revista Galega de Teatro cumpre 37 anos informando sobre a escena galega

A través dun comunicado hoxe nas redes sociais, Vanesa Sotelo e Manuel Xestoso, directora e subdirector da Erregueté - Revista Galega de Teatro fixeron pública a súa renuncia aos postos á fronte desta publicación baseando a súa decisión por motivos de índole persoal que lles impiden “seguir destinándolle á revista o tempo e a dedicación que require” e así “darlles paso a outros compañeiros e compañeiras para que asuman este cometido”. A revista tiña previsto facer unha presentación pública do seu número 100 esta fin de semana que se viu cancelada pola situación de alarma sanitaria. O equipo liderado por Sotelo fíxose cargo da edición da publicación fai catro anos, en 2016, e con este serán 14 os números que se publicaron nesta etapa. Xa foi en xaneiro deste ano 2020, antes do inicio da pandemia, que a Erregueté lanzou unha chamada de aviso sobre a súa continuidade, reducindo a súa periodicidade de trimestral a semestral pola situación de afogo económico ante a retirada de apoios institucionais pola que estaba a pasar e lanzando unha campaña de subscrición para acadar apoio. No editorial O camiño da extinción dese número 98, Sotelo facía unha chamada de atención para manter este medio impulsado por unha base de colaboración. A revista en principio manterase a falata de coñecer un novo equipo de dirección.

Un número especial
Trinta e sete anos leva publicándose esta revista editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas que neste número 100 mantén as súas seccións habituais, incluíndo un novo apartado baixo o título Especial 100 no que se ofrece unha mirada da evolución da publicación nas últimas décadas, así como o seu diálogo co panorama escénico dos últimos tempos, tal e como explica Vanesa Sotelo no seu último editorial coma directora, Novas Normalidades. Sotelo sinala no texto que este número é “resultado do esforzo e a dedicación de cada un dos 99 números anteriores” e lembra que máis de medio millar de colaboracións fxeron neste tempo da Revista Galega de Teatro “unha voz de voces da escena galega e percorrendo as súas páxinas, desde o Boletín de Información Teatral á presente erregueté, é posible atopar figuras de diversas xeracións e latitudes que nos permiten repensar e pensar o feito escénico desde diferentes ángulos e óptica”.

As páxinas desta entrega centenaria, que xa comezou a ser enviada ao público subscrito, fan posible viaxar á década de 1920 co teatro do Grupo Nós e coñecer as previsións do horizonte teatral de 2030, que propuxo o I Congreso Internacional do Teatro Galego. No amplo abano de entrevistas aparecen os nomes de Diana Mera, AveLina, Clara Gayo, Imma António, Patricia de Lorenzo e Casilda Alfaro. Ademais, como é habitual na revista inclúe un nutrido conxunto de artigos que abordan desde a cuestión do teatro para a infancia ao teatro de monicreques, pasando polo estado da crítica teatral ou a importancia de contar cun plan das artes escénicas en Galicia. Fran Peleteiro asina o artigo O papel da revista como divulgadora do patrimonio das artes escénicas galegas e Afonso Becerra de Becerreá aborda o tema de A influencia da ESAD de Galiza nas estéticas teatrais do país. Dous textos de creación se inclúen na colección de dramaturxia contemporánea da Revista Galega de Teatro, acadando os 102 títulos.