Compostela celebra en liña as Xornadas de Ilustración Urbana

O evento coincide coa III Mostra de Ilustración Contemporánea Cromática

Imaxe da III Miic
Imaxe da III Miic
A capital galega énchese de debuxos este mes de novembro. O sábado 7 de novembro as Xornadas de Ilustración Urbana celebran unha nova edición, desta volta en formato virtual. O programa desenvolverá encontros por videoconferencia cos profesionais María Herreros, Catalina Rodríguez, Pablo Rosendo, Luís Ruíz Muñoz e Maru Godas, que tamén moderará as sesións. A proposta, de balde, ten as inscricións abertas.

En paralelo, a sede de Afundación no casco histórico acolle a terceira xeira de Cromática. Mostra de Ilustración Contemporánea. Un total de 19 artistas, a incluír os internacionais Agathe Sorlet, Petra Eriksson, Aka Corleone, Samya Arif, Margaux Carpentier, Tina Siuda, Diana Ejaita e Agustina Shuan participan nesta iniciativa. Con eles, os españois Conrad Roset, Coco Dávez, José A. Roda, Verónica Grech e Coco Escribano; e os galegos David Méndez Alonso, Abi Castillo, Óscar Raña, Tayone, Héctor Pichel e Iris Branco amosan os seus traballos. A actual edición, segundo destaca a presentación do proxecto, "xira en torno á cor. Así, combinaranse na exposición pezas de corte abstracto e estético onde a cor é o elemento primordial, xunto con outras en que a cor é un medio expresivo das emocións; ou pezas que teñen un forte compoñente étnico mediante a representación e reinvicación de diferentes culturas a través das cores do mundo". A mostra estará aberta ata o vindeiro 13 de febreiro.