O vixésimo Premio de Poesía González Garcés ten dous gañadores. O xurado do galardón que organiza a Deputación da Coruña acordou repartir ex aequo os 6.500 euros entre Silabario da Peste de Lupe Gómez e Contra natura de Daniel Asorey. No fallo, feito público onte, destácase que a obra de Gómez é un "libro cruzado polas atmosferas do confinamento no que a voz da súa autora mantén o pulso poderoso da poesía como instrumento de supervivencia. A palabra rompe o silencio e convértese a través dunha escrita convulsa nunha explosión vital e escintilante". Pola súa banda, do traballo de Asorey sinálase a "incidencia da voz poética na necesidade de irmandade sobre a non normatividade e aposta polo colectivo, o cal converte este libro nunha insólita proposta de amores, alianzas e rebeldía". As dúas obras serán editadas pola entidade provincial.
O xurado, composto por Lorena Conde, María Lado, Ánxela Lema, Elisabet Ríos e Antonio Rodríguez López, estivo presidido polo deputado de Cultura Xurxo Couto con Mercedes Fernández-Albalat como secretaria. A selección realizouse entre máis de sesenta obras que o comité destacou como de moi alta calidade, o que levou a seleccionar dúas para premio.