O Náutico de San Vicente consegue chegar tamén terra adentro cos ecos da súa actividade musical e recibe o Premio "Rodolfo Prada" á xestión cultural 2020 da Deputación de Ourense "polo seu traballo a prol da difusión cultural e musical coa organización de actividades e concertos ao longo de todo o ano". O xurado tamén premiou a Ernesto Romero, responsable de Novocine de Leiro, unha sala que desde unha pequena vila mantivo un alto nivel de acción difusora e innovadora do audiovisual cinematográfico "polo valor que supón para o rural manter unha actividade cultural como a que desenvolve". O premio para persoas voluntarias ou colectivos afeccionados foi para a Asociación Cultural Platea Lúa, "pola creatividade e o labor que desenvolve nas súas visitas turÃsticas guiadas teatralizadas" que posibilitan recorrer a cidade de Ourense e outros espazos da man de figuras da Xeración Nós ou con outros motivos e guións históricos. O xurado salientou a elevada calidade dos candidatos presentados ao certame, que reparte un total de 6.000 euros en premios. Os galardóns, instaurados pola Deputación de Ourense para destacar a figura deste intelectual ourensán, serán entregados o 7 de outubro no mosteiro de Santo Estevo, no marco da VI Ourense ICC Week.