Agadic convoca axudas para mitigar o impacto da pandemia no sector escénico e musical

Funcións contratadas neste 2020 e proxectos de residencias artísticas poderán beneficiarse destas subvencións

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)da Consellería de Cultura e Turismo ven de publicar hoxe no Diario oficial de Galicia dúas novas convocatorias de axudas destinadas a diferentes partes do sector das artes escénicas e musicais e motivadas en mitigar o impacto producido pola pandemia nas empresas do sector escénico. Unha das novas liñas de subvención está dirixida a apoiar a realización de funcións de artes escénicas e música durante o ano 2020, a outra vai dirixida en concreto a apoiar de maneira estable ao sector escénico da Comunidade a través das compañías de produción e dos xestores de salas.

As axudas á estabilidade do sector escénico van moi dirixidas aos proxectos de residencia artística de diferentes naturezas están dotadas cun orzamento de 500.000 euros distribuído nas contas de Agadic entre as anualidades 2020 e 2021: 250.000 euros con cargo ao exercicio 2020, e 250.000 euros con cargo ao exercicio 2021. As bases desta convocatoria comprende dúas modalidades de beneficiarios: as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas dedicadas profesionalmente á xestión de salas de artes escénicas de titularidade privada na Comunidade Autónoma de Galicia con capacidade igual ou inferior a 150 localidades e cun proxecto de realización de residencias artísticas na sala; persoas físicas ou xurídicas, así como as unións temporais de empresas, dedicadas profesionalmente á produción de actividade escénica, que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia. As salas privadas teñen asignado por este procedemento un máximo ata a 40.000 euros cun tope de 100.000 euros do orzamento, o mesmo que o sector escénico no ámbito da danza e artes en movemento para a reactivación de espectáculos de danza xa producidos a través da realización de residencias artísticas que poderán levara ata 15.000 euros con ese fin, mentres que aquela parte do sector que se dedique ao teatro, novo circo ou maxia repartirá ata 300.000 euros en máximos de 15.000 euros co mesmo obxecto.

A convocatoria de axudas dirixida a promover a representación de funcións de artes escénicas e música está dotada cun orzamento de 160.000 euros, dos cales corresponden 80.000 euros para funcións de artes escénicas e 80.000 para funcións musicais. Os requisitos cobren as funcións producidas e realizadas por empresas e/ou compañías ou grupos profesionais que desenvolvan a maior parte da súa actividade en territorio galego, coa excepción das asociacións e entidades sen fins de lucro. As funcións obxecto de subvención poderán realizarse dentro e fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2020 ata o 31 de outubro de 2020, sen que estas funcións poidan estar subvencionadas ou financiadas por calquera recurso ou achega da Consellería de Cultura e Turismo ou calquera organismo dependente durante o ano 2020. A axudas comprenden tres modalidades, dúas de funcións de artes escénicas en base a se son dentro o fóra do territorio galego, e unha de funcións musicais exclusivamente fóra de Galicia. En todos os casos para conseguir algunha axuda as funcións xa deben ter un contrato ou convenio con contido económico asinado previamente á súa solicitude. O importe máximo de axuda por beneficiario será de 15.000 euros.