A 36ª MIT abre os pulmóns con todas as representacións en espazos abertos

O 70% do programa basearase este ano na creación galega

A 36ª Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia ofrecerá vinte e catro representacións, estreas, coproducións, presentacións, obradoiros, todo ao aire libre. Alameda, Praza da Igrexa de San Xoán, Igrexa de Sampaio, Praza do Cruceiriño de Francelos, A Picuxa, San Cristovo, Santo André, Praza da Madalena, Praza Maior serán os espazos da vila que acollerán as actividades do encontro condicionado pero non freado pola crise sanitaria. A pesares da perspectiva internacional deste evento moitas produción víronse este ano imposibilitadas de asistir polas dificultades da mobilidade causadas pola pandemia, polo cal a creación galega concentra case o 70% do programa. A MIT contará entre o 17 e o 27 de xullo coa estrea en Galicia de grandes espectáculos coma o multipremiado Rebota, rebota y en tu cara explota de Agnés Mateus e Quim Tarrida (Premio da Crítica 2017 ao Mellor Espectáculo de Novas Tendencias, Premio FAD Sebastià Gasch Aplauso 2018 ou Premio Butaca 2018 ás Novas Aportacións Escénicas). Dentro das propostas galegas, a carteleira deste ano concederalles unha especial atención á danza e á narración oral. No primeiro dos casos, en Ribadavia poderán verse as últimas montaxes de Nova Galega de Danza xunto a Rosa Cedrón, Pálido Domingo, Kirenia Martínez Acosta ou La Macana, ademais de acoller a estadía artística de Laila Tafur dentro do programa Residencias Paraíso, organizado polo Colectivo RPM en colaboración coa Agadic. Pola súa banda, Paula Carballeira, Quico Cadaval, Pedro Brandariz, Isabel Risco, Celso Sanmartín, José Luis Gutiérrez Guti ou Fran Rei darán conta da gran conexión co público que mantén a narración oral galega. O recentemente estreado Dreaming Juliet, de Elefante Elegante, e dous dos espectáculos máis premiados na pasada edición dos Premios María Casares de Teatro Galego -Liberto e Fariña- representaranse tamén nesta 36ª edición do encontro, no que Marta Pazos recibirá o Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño. Xunto á súa compañía, Voadora, a directora impartirá ademais un taller de creación escénica a partir do Othello, de Shakespeare.

Os encontros co público e actividades de mediación seguirán evolucionando na MIT que contará coa Revista Galega de Teatro para celebrar un encontro arredor do teatro documento e a presentación do seu número 99, que conta coa edición do texto Resaca, creación colectiva de Il Maquinario, con dramaturxia de Tito Asorey e Ana Carreira. Outra das liñas desta edición, que este ano se ve fortalecida de xeito significativo é o programa Ruadavia. Todos os días do festival haberá, como mínimo, un espectáculo gratuíto na rúa, con asento preasignado e baixo recollida de convite, tal e como estipula a normativa vixente en materia de prevención sanitaria contra a COVID-19. Artes de circo, danza, teatro de obxectos, narración oral encherán de actividades a capital do teatro de Galicia. Como peche do festival, o día 27, haberá unha xornada dedicada en exclusiva á dramaturxia galega con motivo da 15ª edición do Premio Abrente. Ademais de coñecer os premios desta edición, ese día haberá un encontro dinamizado pola Asociación DramaturGA, coa que a MIT emprenderá futuras colaboracións para seguir visibilizando e apoiando a innovación da escrita teatral galega actual.