A Xunta adianta as medidas do plan de reactivación cultural e turístico

O documento presentaranse aos sectores implicados nun webinar o vindeiro xoves 7 maio

42 lecturas | Compartido 0 veces

Os colectivos que representan diferentes ámbitos implicados recibiron xa o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, no que a Xunta detalla medidas de apoio concretas a estes campos. O documento, dispoñible tamén no web do Goberno Autonómico, baralla diferentes escenarios de futuro á actual crise sanitaria e económica. Así, para o ámbito cultural sinala que, nunha perpectiva optimista, "o impacto negativo no sector da cultura estímase entre os 100 e 120 M€ e unha perda potencial de entre 2.000 e 2.500 empregos, o que supón ao redor do 7 % do total, con respecto ao escenario previo á crise sanitaria". Segundo o documento, a situación correspóndese cunha potencial recuperación de actividades e eventos culturais no terceiro trimestres deste ano. Pola contra, "nunha prospección máis pesimista, en relación á dinámica do nivel de cancelacións, do fluxo de gasto público e da diminución do consumo final de produtos e servizos culturais, é previsible que o impacto negativo poida multiplicarse e que o desemprego chegue ata os 11.000 profesionais", advirte o documento.

A Consellaría de Cultura programou para o vindeiro xoves sete de maio ás 17 horas un webinar, aberto á inscrición, para presentar as medidas concretas dirixidas a cada un dos ámbitos afectados. O encontro pretende "achegar información de primeira man sobre as principais medidas de choque, e resolver as dúbidas ou consultas que esta iniciativa poida xerar". O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o director do IGAPE, Juan Manuel Cividanes Roger, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, o director de AGADIC, Jacobo Sutil e o secretario xeral de Política Lingüística, D. Valentín García participarán no encontro.

Entre outras medidas, o documento adianta a adaptación e flexibilización de convocatorias de axudas, medidas específicas para toda a cadea do libro, a incluír un reforzamento do sistema bibliotecario ou unha campaña transversal para promover o consumo cultural. Novas propostas de formación e asesoramento para empresas e profesionais do sector ou o emprego do Xacobeo para dinamizar propostas culturais, cun fondo específico ou un novo programa de apoio ao sector escénicos entre outras iniciativas fan parte das accións propostas.

Universo culturagalega.gal

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Covid, Valentín García, Jacobo Sutil, Román Rodríguez...