Allariz Debuxado presenta a súa cuarta edición

David Lafuente, Ester García, Tomás Hijo ou Manel Cráneo participarán no festival

A organización do festival Allariz Debuxado acaba de dar a coñecer o programa da súa cuarta edición, que se celebrará entre o 31 de xaneiro e o 1 de febreiro na vila do Arnoia. O debuxante asturiano David Lafuente, coñecido polo seu traballo para editoriais de cómic estadounidenses como Marvel será un dos principais convidados e impartirá un relatorio sobre a súa experiencia profesional. Canda a el, a ilustradora Ester García, o debuxante e gravador Tomás Hijo e o editor Manel Cráneo desenvolverán cadansúa intervención.

Ademais, o programa inclúe unha presentación de Grandarroiba, a novela gráfica de Cristián F. Caruncho, un concerto do dúo Piratas sen parche e unha sesión de micropresentacións e de sinaturas. Como é habitual, no marco da iniciativa desenvolverase a III Feira da Creación na que estarán presentes diferentes proxectos de autoedición do país.