Nova Galega de Danza estrea na Coruña Leira

O Teatro Rosalía de Castro acolle o 17 de xaneiro esta montaxe sobre os traballos do campo

Un espectáculo de danza e música "que nos transporta á dura beleza dos labores do campo" coa muller no centro é a última proposta de Nova Galega de Danza. O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle o vindeiro 17 de xaneiro a estrea de Leira, unha "coreografía humana de apeiros de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os sucos arados na terra", segundo explica a compañía.

Jaime Pablo Díaz corre coa dirección artística dun espectáculo que integra a voz de Rosa Cedrón coa danza de Inés Vieites, Estefanía Gómez, Iván Villar, César Louzán, Pablo Sánchez, Ricardo Fernández e Uxía Rivas sobre música composta por Sergio Moure de Oteyza. Logo da estrea, a obra poderá verse nas Pontes (8 de febreiro), Vilalba (18 de abril), Lugo (24 de abril), Carballo (25 de abril) e Ferrol (29 de abril).