A Xunta recoñece o interese cultural da Fundación Luzes

A entidade impulsará actividades e foros de reflexión e estudo sobre a sociedade e os retos para Galicia

A entidade impulsará actividades e foros de reflexión e estudo sobre a sociedade e os retos para Galicia
Manuel Rivas e Manuel Bragado na presentación da Fundación Luzes en Culturgal Foto: Culturgal
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a declaración de recoñecemento de interese cultural da nova Fundación Luzes. O ente que xurdiu a partires da revista Luzes, que xa foi presentado en sociedade na pasada feira Culturgal de Pontevedra, ten por obxecto "o fomento e difusión da cultura galega, o estudo e investigación sobre a sociedade galega, a promoción do debate público e de elaboración de propostas e retos de Galicia", segundo consta nos seus estatutos. A Fundación Luzes, segundo comunicaba en Pontevedra o seu presidente Manuel Bragado, será unha ferramenta de actividade cultural e social para levara cabo actividades e impulsar foros de reflexión e estudo. Dentro da entrada no Rexistro de Fundacións de Interese Galego o recoñecemento da clasificación da Fundación Luzes como de interese cultural adscribe a fundación ao protectorado específico da Consellería de Cultura e Turismo nos dereitos e deberes para velar polo seu correcto funcionamento e para o apoio ao seu obxecto social. A Fundación Luzes foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña o 7 de maio de 2019, ante o notario Raúl Muñoz Maestre, por Manuel Bragado (Presidente), Juan Janeiro (Secretario), Xesús Vega Buján (Tesoureiro), Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro, Ana Luísa Bouza, Xoán Antón Pérez Lema, Ana María Pumares, Víctor Francisco Sampedro e María Isabel Romero Barciela (vogais).