O BIC do Folón e do Picón incorpora 31 novos muíños

O Consello da Xunta incluíu tamén nesta área de protección a ermida de San Martiño e o castro do Picón

Dous dos muíños do BIC. Fonte: Turismo.gal
Dous dos muíños do BIC. Fonte: Turismo.gal
O Ben de Interese Cultural dos Muíños do Folón e do Picón, no Rosal, incorporará 31 novas construcións deste tipo ata un total de 67. Así o acordou onte o Consello da Xunta, que tamén decidiu incluír no marco desta figura de protección a ermida de San Martiño e o castro do Picón. Segundo apunta o goberno "a aprobación deste decreto permite corrixir unha disfunción da declaración orixinaria, garantindo o mesmo nivel de protección para a totalidade de muíños".

Con esta ampliación, "o lugar de valor etnolóxico distribúese polas abas dos montes do Campo do Couto ao oeste e os montes da Valga ou San Martiño ao norte, en que se localizan todos os seus elementos, incluídos os camiños e as pesqueiras e levadas que conforman o sistema hidráulico. A devandita ampliación ten como obxectivo incluír na delimitación a totalidade de elementos constitutivos deste sistema patrimonial".

Aínda que a ampliación non establece ningún novo contorno de protección nin o establecemento dunha zona de amortecemento específica, o decreto aprobado si prevé a recuperación dos sistemas de captación e distribución de auga e os camiños e actuacións para contar con vexetación e arboredo autóctono así como "unha incorporación ponderada de medios de seguridade como pasarelas e varandas" de cara a facilitar as visitas.