Medran as axudas da Agadic a festivais escénicos e musicais

Os eventos poden optar ata o 13 de maio a estas liñas de axuda dotadas con 530.000 euros

Un incremento de 70.000 euros apoiará o desenvolvemento de festivais escénicos e musicais que se desenvolvan entre o 1 de novembro de 2018 e o 31 de outubro de 2019. O DOG publicaba o pasado venres a convocatoria das subvencións a festivais de artes escénicas e de música, que chegan nesta ocasión aos 530.000 euros. Destes fondos, 340.000 destínanse a eventos musicais, categoría que recibe o maior incremento ao contar con 60.000 euros máis que no pasado ano. Os festivais escénicos, pola súa banda, repartirán 190.000 euros, 10.000 máis que no anterior exercicio. O prazo para acceder as estas liñas de apoio está aberto ata o vindeiro 13 de maio.


Poden presentarse a esta convocatoria eventos que conten cando menos con dúas edicións previas e que oferten un mínimo de seis compañías ou grupos nos seus programas. Ata o 40% do orzamento subvencionable debe corresponder á contratación artística no caso dos festivais de música e ao 30 por cento nos escénicos. Nesta modalidade, ademais, esíxese que un 20% das contratacións ou o 30% das actuacións deben ser de compañías compostas maioritariamente por artistas que desenvolvan a súa actividade en Galicia.