O 21 de marzo deste ano falecía aos 87 anos o pintor Alfonso Abelenda, mentres se estaba a preparar unha exposición retrospectiva sobre a súa obra. Xa hai data de inauguración: será o 11 de abril na sede de Afundación, na Coruña, e a mostra permitirá coñecer máis dun cento de obras que percorren as diferentes etapas vitais e creativas do artista. A mostra, comisariada por Valle García, estará aberta ata o 8 de xuño. Abelenda foi un artista prolífico que mesturou "arte, ironía e vida" cunha traxectoria creativa de setenta anos. Mostra dos seus diferentes intereses é a división en nove seccións: Ilustración e humor, O Prado, Retrato, Bodegón, O taller, A creación, Eros, Tauromaquia e Paisaxe. A propia Afundación recolle o soprendente itinerario vital do artista: "estudante de arquitectura en Madrid, campión de España dos 110 metros obstáculos, xogador de rugby, estudante de ciencias exactas, actor en películas de romanos, westerns e comedias, falador no Café Xixón,lexionario en Marrocos, pregoeiro, nómade por terras do Riff, Madrid, Santiago, Montevideo, Caracas, París, Londres, Nova York, Los Ángeles, Nova Orleans, Berlín..., cabaleiro da Orde de María Pita, membro da Real Academia de Belas Artes de Galicia, humorista e, sobre todo, pintor".