Descubren como os obxectos revelan os cambios da ollada humana ao longo da Historia

A investigación, coordinada polo arqueólogo Felipe Criado, foi publicado en Nature Scientific Reports

A investigación, coordinada polo arqueólogo Felipe Criado, foi publicado en <i>Nature Scientific Reports</i>
Imaxe: INCIPIT
Investigadores do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC e da Universidade de Santiago publicaban hoxe na revista Nature. Scientific reports, a publicación en aberto da prestixiosa revista Nature, un estudo que avanza a hipótese de que a ollada humana sobre o mundo e os obxectos evolúe en relación á complexidade social de cada época. É dicir, que a cognición non é só biolóxica, senón que a sociedade e a cultura na que vivimos inflúe no xeito na que percibimos o mundo. Para realizar o seu experimento, os investigadores, dirixidos polo arqueólogo Felipe Criado, someteron a un grupo de 100 suxeitos a unha proba de laboratorio. A partir dun hardware de seguimento da mirada, o eye-tracking, fixéronlles observar diferentes obxectos cerámicos producidos por diferentes sociedades da Prehistoria galega, desde o Neolítico ata a Idade do Ferro, con varios miles de anos de diferencia. Os investigadores detectaron que os propios obxectos prehistóricos conteñen información sobre como os nosos devanceiros percibían a realidade. A grandes liñas, estes patróns de percepción que percibiron sinalan que nas fases da prehistoria máis antigas analizadas, os patróns de visualización son moito máis horizontais, "lendo" os obxectos dunha banda a outra. Conforme avanza a Idade do Ferro, estes patróns vólvense máis verticais, conforme a sociedade se vai facendo máis complexa. A hipótese dos investigadores achega, desde a arqueoloxía, unha importante vía para coñecer máis sobre sociedades antigas a partir do xeito no que foron concibidos os seus obxectos.

Vídeo explicativo: