A importancia está no fondo

Os préstamos das bibliotecas galegas poñen en valor os libros alén das novidades

Os préstamos das bibliotecas galegas poñen en valor os libros alén das novidades
As novidades de ficción son os títulos máis prestados tanto en galego como en castelán no ámbito dos adultos, mentres que na literatura infantil e xuvenil o peso de textos clásicos, de máis longo percorrido, así como das coleccións, é fundamental. Isto é o que se desprende do cálculo dos libros máis emprestados pola rede de bibliotecas públicas de Galicia durante o ano 2018. Dos datos revélase onde está o gran valor das bibliotecas públicas galegas: o seu fondo.

A rede de bibliotecas públicas de Galicia rexistrou en 2017 máis de 1.700.000 préstamos de libros e folletos en 310 "puntos de servizo", que comprenden bibliotecas, axencias de lectura e outros formatos. O que sorprende do dato é que cando revisamos as estatísticas de préstamos de libros do ano 2018, a suma dos dez máis prestados tanto en infantil-xuvenil como en adultos apenas representaría o 0,5% do total de préstamos. O músculo das bibliotecas públicas galegas non está tanto nas novidades como na capacidade do seu fondo para chegar a gustos moi diversos.

"Nós dámoslle unha oportunidade a moitos libros que xa non están nas librarías", asegura Mari Luz Corral, directora das bibliotecas do concello de Oleiros, unha entidade premiada en numerosísimas ocasións polas súas campañas e proxectos de animación á lectura. E é que a elevada rotación actual imposta polo ritmo de novidades literarias retira do mercado libros que precisan o seu tempo. "Acontece moitas veces que hai libros que non teñen éxito na súa saída pero, ao cabo de dous ou tres anos sen saír comeza a ser solicitado", indica a bibliotecaria. As bibliotecas son observadoras tamén do fenómeno dos long-sellers: "Ollos de auga, de Domingo Villar, é un libro que segue a prestarse, e tamén Cunqueiro, e moitísimo Fernández Paz, coas súas obras do mundo xuvenil e mocidade".

Con todo, os préstamos, en galego e castelán, seguen criterios moi semellantes. "Predomina a novela negra, misterio, intriga, thriller, as obras de suspense...e despois, hai unha serie de acutores consolidados tanto en galego como en castelán", sinala Corral, que indica os paralelismos entre a lista xeral galega e a de Oleiros. "Nese caso, hai xente que xa vén directamente por libros de autores concretos e preguntan polo último que sacou". No caso dos libros máis emprestados, a novidade fundamental é fundamental. "E aquelas editoriais que teñen un marketing máis intenso, inflúe moito", indica Corral. "Podémonos fixar en como na lista de máis prestados en castelán, hai seis do grupo Planeta".

Ficción para adultos



Con todo, as cifras de préstamo das novidades literarias son moi exiguas. Os préstamos en galego só supoñen un 25% en 2018 con respecto ao préstamo en castelán e, probablemente, a lectura no ensino inflúe máis nas listas que na da literatura en español, toda vez que varias das publicacións se empregan na escola. Hai que ter en conta que nas estatísticas públicas galegas, considérase lector adulto a partir dos 14 anos. Destaca moi por riba do resto Os nenos da varíola, de María Solar (Galaxia), seguida cunha das sorpresas da temporada literaria, Vicvs, de Beto Luaces (Bolanda Editora), de éxito especialmente no ámbito de Vigo. Os datos refírense ás máis de cen bibliotecas que contan co programa de xestión Koha. Hai algunha das grandes bibliotecas que non se atopan aínda na rede deste programa, como as bibliotecas municipais da Coruña ou de Arteixo, e que polo tanto, non figuran neste cómputo total.

"O libro en galego hai que movelo, a través de clubes de lectura e iniciativas de lectura", sinala Mari Luz Corral, que destaca tamén o dinamismo e relevancia destes clubes á hora de coñecer novidades do ámbito galego. "Se fixeramos un estudo dos préstamos por tipo de peticionario, o primeiro que sairían serían os clubes de lectura".

Infantil-Xuvenil




As estatísticas revelan que as dinámicas e preferencias do mundo infantil-xuvenil non seguen os mesmos camiños que a ficción para adultos, aínda que as proporcións son diferentes. Desta volta, o 51% dos libros prestados en LIX (excluíndo cómic e libros de consulta) son en galego. "Se miramos os préstamos en galego, vemos a dous clásicos como Cocorico e Chocolata de Marisa Núñez, dous auténticos clásicos. E libros coma O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas, que son de lectura nos institutos e que aos rapaces lles gusta moito". No mundo infantil e xuvenil as coleccións teñen moita relevancia, e veñen apoiadas por grandes campañas. "Os diarios de Greg ou Xerónimo Stilton teñen un marketing enorme detrás", asegura Mariluz Corral, quen destaca o gusto dos rapaces por seguir a personaxes ao longo de historias que combinan intriga, humor e aventura.