O circo chega ao Centro Dramático con Arnoia Arnoia

Quico Cadaval dirixe a coprodución con Pistacatro que se estrea o 11 de outubro

O Salón Teatro de Compostela acollía esta mañá a presentación de Arnoia Arnoia, a nova coprodución do Centro Dramático Galego que se poderá ver do 11 ao 20 de outubro neste escenario. Quico Cadaval dirixe, co apoio de Marcos Ptt Carballido e Clara Gayo, a adaptación desta obra de Xosé Luís Méndez Ferrín que por vez primeira leva a unha montaxe do teatro público as artes do circo nunha montaxe que as combina co texto dramático. A historia na que o mozo Nmonadah se enfronta a diferentes retos nun contorno fantástico co apoio do amuleto Libredón e do castrón Mestre Lionel chega ao escenario da man de Pistacatro interpretada por Ánxela Blanco, Aitor Garuz, Pablo Reboleiro, Álvaro Reboredo e Beatriz Rubio.

Segundo explicou o director na presentación, o proxecto "retíralle a Ferrín esa especie de roupaxe sagrado" e revela na obra "unha mentalidade case adolescente. Cadaval recoñeceu tamén a dificultade de integrar teatro e circo no proxecto, un reto que se solventou "grazas ao traballo colectivo e á responsabilidade compartida", xa que nas tarefas de dirección "confiei en Marcos Ptt e Clara Gayo. Eu non dei instruccións sobre as partes do circo, foi un traballo colectivo do elenco e dos axudantes de dirección. Houbo un entendemento global, a partir das perspectivas de cada un, sobre as imaxes que saían da obra". A proposta da montaxe foi moi ben recibida polo propio Ferrín, que tivo unha importante vinculación co circo na súa infancia por ser familiar dos responsables do Circo Feijóo.

O espectáculo, recomendado para públicos a partir dos dez anos de idade, desenvolverá tamén con funcións escolares en horario de mañá e permitiralle ao público conversar co equipo artístico nun encontro logo da función do día 18 de outubro.