Agadic crea un programa de marca conxunta e impulso para os festivais de música

Fest Galicia está pensado para apoiar ao sector profesional da produción destes eventos

Fest Galicia está pensado para apoiar ao sector profesional da produción destes eventos
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ven de presentar un programa específico de apoio aos festivais de música que se celebran en Galicia. O programa estará baixo o paraugas da marca FEST GALICIA e anuncia a posterior adopción de medidas co obxectivo de crear valor engadido nos festivais galegos a través da adopción das medidas necesarias para situalos como un produto cultural e turístico capaz de atraer visitantes a Galicia. Segundo o que avanza Agadic prepararanse campañas de promoción exterior e interior para os festivais da marca. A axencia autonómica tamén propón que este programa sirva para vertebrar o territorio desde a sustentabilidade social e medioambiental destes eventos. Así mesmo o programa FEST GALICIA semellará conseguir unha simplificación administrativa ao conectar todos os departamentos da Administración galega relacionados con calquera dos ámbitos que abarca cada festival: turismo, xuventude, igualdade, medio ambiente, calidade, etc.

Agadic recoñece con este programa a capacidade de xeración de emprego e riqueza dos festivais profesionais privados así como o seu efecto multiplicador de investimento e achega na recadación fiscal neta. Malia que non fai referencia directa na súa exposición de motivos á obriga de tutela e promoción do dereito de acceso á cultura que recolle a Constitución, sí recoñece a axencia os beneficios sociais orixinados que están relacionados, en termos xerais, coa mellora do benestar da cidadanía, a cohesión social e o desenvolvemento de valores cívicos. Para entrar baixo o paraugas da marca e programa FEST GALICIA, a axencia pon requisitos moi relacionados coa profesionalización dos mesmos como que sexan producidos sempre desde empresas privadas malia que estean promovidos por entidades sen ánimo de lucro que contraten a unha destas empresas para a produción. Ademais a entrada aos festivais non poderá ser gratuíta senón por entradas vendidas dentro dos prezos de mercado, o que deixa fóra grandes eventos como o festival do Mundo celta de Ortigueira ou o Noroeste da Coruña, e os eventos terán que durar canda menos dous días consecutivos ofrecendo tres artistas por día. Entre estes requisitos tamén hai un orzamentario, que coloca o orzamento mínimo do festival en 100.000 euros (IVE aparte). Os festivais interesados en formar parte deste proxecto teñen ata o venres 8 de xuño para inscribirse mediante a presentación no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia do modelo normalizado de solicitude que se pode atopar na páxina de AGADIC.