Libros que se fan presentes

Compostela acolleu a Gala do Libro Galego 2018

Compostela acolleu a Gala do Libro Galego 2018
Premiados na Gala do Libro Galego 2018
Santiago de Compostela acolleu este sábado a terceira edición da Gala do Libro Galego, o evento que organizan de maneira conxunta a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. Tratouse dunha gala con alto contido reivindicativo no que as tres entidades reclamaron cambios lexislativos e nas políticas culturais en relación ao libro e á lectura. A gala estivo presentada por Isabel Risco e contou coa amenización musical da Banda da Loba.

Pilar Rodríguez, a presidenta da Federación de Librarías de Galicia e encargada, este ano, da lectura da declaración das tres entidades, alertou sobre as ameazas que sobre o sector do libro exercen os sectores da macroeconomía: "as iniciativas individuais son rápidamente absorbidas por outras iniciativas de máis poder. As pequenas empresas editoras e libreiras pechan ou son fagocitadas polas grandes" e explicou o que significa tamén desde o punto de vista a creación: "As creadoras ven limitadas as súas posibilidades pola política de éxitos programados ou de portas pechadas ante as propostas transgresores".

Rodríguez sinalou que "non contamos cun marco lexislativo ao potencial que podemos ou queremos ofrecer", aínda que "están a xurdir imaxinativas iniciativas libreiras, innovadores proxectos editoriais e numerosos froitos do potencial creador". "Aceptar con pasividade a situación actual do libro non é compatible co carácter inconformista", asegurou a libreira, que aludiu en numerosas ocasión saos poderes públicos: "malia a reiterada presentación de propostas, está sen desenvolver na súa integridade a lei do libro e a lectura. Rogamos á xunta que remate o articulado da devandita lei". Rodríguez lembrou a proposta de crear unha subdirección do libro e a lectura que se encargue de promover un plan estratéxico". As entidades gabaron a rede bibliotecaria institucional e as bibliotecas escolares "dotadas de grandes profesionais con eficaces iniciativas" e lamentaron "a irresponsabilidade dos xestores da radio pública galega por eliminar un programa tan importante para a cultura de Galicia como é o Diario Cultural". De feito, Ana Romaní, a directora do programa, recibiu o galardón de xornalismo cultural.

A gala entregou un amplo repertorio de premios cos que as entidades recoñecen o traballo realizado no ámbito editorial en 2017. Con todo, nesta edición algúns dos galardóns cambiaron a súa orientación, premiando traxectorias longas, como proxecto literario na rede, Iniciativa cultural ou de fomento da lectura e o de xornalismo cultural. Esta edición incorporou tamén novos galardóns,coma o premio á obra de divulgación, á banda deseñada, ao libro mellor editado e a división do anterior premio de literatura infantil e xuvenil en dúas categorías diferenciadas.

Os finalistas dos galardóns son propostos e votados polos membros das tres asociacións. Un xurado externo realiza a elección a partir destas propostas.

Lista de premiados e xustificación do xurado (texto da organización):

Ensaio e investigación
- Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa (Edicións Laiovento).
O xurado estima que nesta obra Antón Figueroa devolve á cultura galega e europea a figura de Margot Sponer, autora que nos situou no mapa dos estudos académicos. O libro é tamén un percorrido emocional que logra transmitir na súa lectura.

Divulgación
-Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado considera que este libro é único, froito dunha experiencia singular, demostrando que no século XXI aínda se pode manter a ollada curiosa da ciencia sobre o mundo.

Narrativa
- A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado estima a mestría do autor á hora de empregar o medo e a memoria para explicar a represión e o control social dos anos 40 en plena ditadura franquista.

Infantil
- A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado valora o tratamento divertido, cun ritmo trepidante, da asociación entre a fantasía, a imaxinación e a creatividade, reivindicando o papel das nenas e das mulleres en relación á ciencia é á técnica.

Xuvenil
- Os nenos da varíola, de María Solar (Editorial Galaxia).
O xurado considera a orixinalidade desta obra ao tratar un episodio practicamente descoñecido da nosa historia científica, cun amplo labor de documentación e rigorosidade, poñendo rostro a heroes anónimos.

Libro ilustrado
- Tinta de luz, ilustrado por Berta Cáccamo, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora Editora).
O xurado estima a capacidade desta obra para introducir o público infantil na arte contemporánea abstracta, e o diálogo establecido coa poesía.

Libro de banda deseñada
- Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).
O xurado valora o espírito lúdico e a complexa e xogantina estrutura narrativa da obra, ao tempo que permite unha lectura múltiple e dinámica.

Iniciativa bibliográfica
- Colección Xerais Básicos Ciencia (Edicións Xerais de Galicia).
O xurado considera a relevancia dun enfoque plural nesta colección, que revitaliza a lingua no ámbito científico-tecnolóxico.

Tradución
- Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez (Kalandraka Editora).
O xurado dá a benvida á tradución ao galego deste clásico universal, verquido directamente desde a lingua orixinal, transmitindo a frescura e a fluidez do texto da autora sueca.

Poesía
- Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).
O xurado destaca a contención no tratamento da perda e a capacidade para vincular a súa vivencia persoal ao colectivo. Ao mesmo tempo valórase a calidade deste froito particularmente maduro na súa poética.

Teatro
- Río Bravo, de Chévere (Kalandraka Editora)
O xurado celebra a publicación desta obra pioneira dunha forma de facer teatro que revolucionou o panorama dramático galego, nunha coidada edición.

Libro mellor editado
- Lumes, de Ismael Ramos (Apiario).
O xurado valora a elegancia minimalista desta obra en particular, que brilla de forma especial nun traballo de edición impecable.

PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS

Iniciativa cultural ou fomento da lectura
- Viñetas desde o Atlántico.
O xurado recoñece o tesón na traxectoria de máis de vinte anos desta iniciativa, contribuíndo a popularizar a banda deseñada, e conectala coa cultura do país.

Proxecto literario na rede
- Caderno da crítica, de Ramón Nicolás, https://cadernodacritica.wordpress.com/
O xurado destaca a constancia no traballo deste espazo na rede, que permite seguir o panorama literario galego, achegando materiais orixinais.

Xornalismo cultural
- Ana Romaní
O xurado destaca a súa incontestábel traxectoria de traballo de difusión da cultura desde o Diario Cultural da Radio Galega.

PREMIOS HONORÍFICOS

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomeou Isabel-Clara Simócomo Escritora Galega Universal 2018, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans.

A Asociación Galega de Editoras premiou a Xavier Senín, pola súa prolongada e constante aposta a favor do Libro Galego, que se visualizou, de forma nítida, no longo período en que desenvolveu o seu labor como subdirector do libro e de promoción cultural da Xunta de Galicia entre 1987 e 2005.

A Federación de Librarías de Galicia premiou a Xurxo Patiño, da Libraría Librouro (Vigo), polo seu compromiso co mundo do libro galego e a lectura, así como pola súa achega efectiva durante moitos anos ao sector do libro a través do traballo desenvolvido na Federación de Librarías de Galicia.