A incerteza sobre a continuidade do Diario Cultural desata unha vaga de queixas

A dirección da CRTVG anuncia mudanzas no formato deste veterano espazo radiofónico

A posibilidade de que a Radio Galega elimine como programa independente o Diario Cultural a partir do vindeiro mes de setembro está a motivar múltiples protestas por parte de entidades e persoeiros da cultura. Segundo denunciaba onte Concha de la Fuente, produtora do espazo que leva vinte e oito anos en antena, a intención dos xerentes da CRTVG é manter a marca de Diario Cultural na forma de microespazos incluídos nos programas informativos da cadea.

No entanto unha nova publicada esta mañá no web da CRTVG, a presentar a nova programación da cadea, na vindeira temporada "realizaranse catro edicións diarias.Isto supón que se duplica o tempo de cultura diario na Radio Galega, que pasa de 50 minutos a 100 en máis faixas horarias". Ademais, durante a fin de semana haberá "outras tres edicións en directo do Diario Cultural que agora mesmo non existen". A isto engade a creación dun web específico para a cabeceira que permitirá acceder aos contidos emitidos. A nota sinala tamén que se manterá o equipo dedicado á cultura na Radio e que mesmo se incorporarán novos profesionais. Segundo De la Fuente a dirección comunicou a súa decisión sobre o programa na xuntanza do Comité Intercentros da CRTVG para presentar a programación da nova temporada.

O anuncio ergueu unha vaga de reaccións no mundo da Cultura, con pronunciamentos da Mesa pola Normalización, a Asociación de Escritores en Lingua Galega, a de Editoras, a de Xestores Culturais, a Fundación Uxío Novoneyra, Escena Galega, a editorial Kalandraka ou da Deputación da Coruña, que chaman a manter o que consideran un referente da información cultural do noso país. Tamén persoeiros como Manuel Bragado, o crítico Ramón Nicolás, escritoras como Mercedes Queixas e Marilar Aleixandre ou as xornalistas Belén Regueira e Carme Vidal chamaron á dirección do ente a reconsiderar a súa posición sobre este espazo. En Twitter, a conta @euquerodc e os hashtags #euqueroDiarioCultural, #QueremosDiarioCultural e #SalvemosODiarioCultural recollen múltiples chíos de protesta sobre a cuestión.

En paralelo, e segundo denunciou o sindicato CIG, a nova proposta da directiva prevé a desaparición das desconexións informativas locais da radio galega. No seu web, a CRTVG indica unicamente que vai incrementar a duración dos espazos informativos "para integrar a cobertura dos asuntos de carácter local".