O Consorcio de Santiago investirá dous millóns na ampliación do Museo do Pobo

Está previsto que as obras estean rematadas o vindeiro 2021

A anunciada ampliación do Museo do Pobo Galego contará cun investimento de dous millóns de euros do Consorcio de Santiago e estará rematada para o vindeiro Ano Xacobeo, en 2021. Así o anunciaba o pasado venres Martiño Noriega, presidente do Consorcio e alcalde de Santiago, a destacar as dimensións desta actuación. Segundo recolle a propia páxina do Consorcio, unha primeira actuación, dotada con 400.000 euros xa para 2018, inlcúe "a ampliación do Museo, recuperando a ala sur do conxunto conventual e o xardín situado ao pé da súa fachada. Así mesmo, o Consorcio comezará a traballar na musealización do futuro espazo expositivo, mediante a subscrición dun convenio coa entidade xestora do museo que permita avanzar neste aspecto".



Nas seguintes anualidades abordarase "a adecuación para usos de oficinas, talleres e exposicións do Museo do Pobo Galego, da zona que ocupou o Colexio de Xordos dende 1864 ata tempos recentes, no extremo da ala sur", un espazo que na actualidade está ocupado por oficinas da Dirección Xeral de Patrimonio.

En relación a este proxecto, o Concello de Santiago aprobou o pasado venres o Plan Director do edificio de San Domingos de Bonaval, unha ferramenta que analiza a situación e a importancia patrimonial do edificio, "recolle os criterios xerais e prácticas para intervir na rehabilitación e reestruturación do conxunto, e achega algunhas hipóteses para a intervención no Museo do Pobo Galego".