O Castro de Arxeriz recibe o Premio Intervencións da Paisaxe da Fundación Juana de Vega

O galardón reportaralle á Fundación Soto de Fión un premio de 6.000 euros

A recuperación que está a facer a Fundación Soto de Fión do Castro de Arxeriz, en Chantada, acaba de ser recoñecida co Premio Intervencións da Paisaxe da Fundación Juana de Vega. O galardón, que busca poñer en valor e mellorar a calidade paisaxística do territorio, recoñeceu os traballos de "ampliación da excavación de sondaxes para a delimitación, caracterización e posta en valor do Castro de Arxeriz”, a destacar "o coidado na recuperación do castro", completado "coa creación dun museo etnográfico, realizado con alta calidade de deseño e presentación", así como "o coidado da contorna do castro e das edificacións existentes, que se rexenerou con especies frondosas autóctonas, antes ocupada por eucaliptos". O premio ten unha dotación de 6.000 euros.

Pola súa banda, a rehabilitación da antiga casa reitoral de Santa María de Olives (A Estrada), realizada por r.v.r. arquitectos, recibiu un accésit de 1.500 euros.Segundo explicou, a "intervención pon en valor unha casa grande de pedra e a súa contorna de muros e instalacións complementarias. É de destacar o esforzo en recuperar cada elemento patrimonial e darlle un lugar axeitado dentro dos novos usos que se piden á edificación. Tamén hai que resaltar a combinación dos elementos patrimoniais e un xardín no que os espazos abertos e os elementos vexetais reforzan a posición e o valor do edificio".

O xurado estivo composto composto por Gonzalo Byrne como presidente e Isabel Aguirre de Urcola como secretaria, e Joao Nunes, Enrique Sáez Ponte, Francisco Leiro, Fátima Braña, Covadonga Carrasco e Marilar Aleixandre como vocais.