Facer as Américas a cadriños

Unha vaga de autores galegos de banda deseñada consegue o éxito a traballar para mercados foráneos

Unha vaga de autores galegos de banda deseñada consegue o éxito a traballar para mercados foráneos
Fragmento dunha páxina de Xermánico. Inédita.
A emigración non é novidade para os galegos e as galegas. No entanto, as novas tecnoloxías están a facilitar novos xeitos de traballar para o exterior. É o caso dunha serie de autores de banda deseñada que fan as Américas desde a casa. David Rubín, Emma Ríos, Xermánico ou Álex Cal son algúns dos creadores que traballan para as principais editoras dos Estados Unidos. Coma eles, Tirso Cons procurar no mercado francés saída profesional para a súa arte. En todos os casos, as oportunidades de traballar con industrias de primeiro nivel combínanse coa necesidade de adaptarse a outros xeitos de traballar e a diferentes perspectivas culturais.

O equivalente a nivel cinematográfico sería ter un grupo de profesionais a actuar ou a dirixir en producións de Hollywood. Con moito menos recoñecemento, un feixe de autores do país levan xa varios anos a facer parte da elite internacional da banda deseñada, a colaborar regularmente para as principais editoras de cómic dos Estados Unidos. Neste país os xigantes Marvel, que continúa na actualidade a liderar a mercado, e DC, que a segue a pouca distancia, copan preto do 70% das vendas do sector centradas nas celebérrimas coleccións de superheroes. Séguenas a boa distancia Image, que incrementou nos últimos anos a súa cota de mercado, Dark Horse, IDW e Boom! Studios, que mesturan en varios casos propostas superheróicas con proxectos máis independentes. E todas estas , canda a outras máis, contan con nomes galegos nos seus catálogos.

Pioneiros
Malia a que están a atinxir niveis inéditos de impacto e de recoñecemento, esta vaga de autores non é a pioneira en atravesar o Atlántico. Alá por 1975 comezaba a súa colaboración con DC Cómics José Luís García López. O artista nado en Lalín presentouse na oficina principal da editora sen cita previa e cos seus debuxos como única presentación. E conseguiuno. Traballou cos personaxes máis coñecidos da firma como Batman, Superman ou Green Lantern e deixaría a súa pegada en grupos míticos como Atari Force. O seu labor levouno a ser o responsable dos lapis da DC Comics Style Guide, o volume de referencia sobre a representación canónica dos personaxes da casa e a conseguir dúas candidaturas aos Premios Eisner. Tempo despois, durante os anos 90 e nos primeiros 2000 a presenza de autores do país alén do Atlántico ficou practicamente reducida ás edicións de obras de Miguelanxo Prado e ás colaboracións de Das Pastoras, que continúa a compaxinar participacións máis ou menos puntuais en títulos de Marvel como Thor ou Wolverine coa súa carreira no mercado francés. A eles sumouse no cambio de século a presenza pioneira de Fran Bueno en Image coa súa colaboración en series como Noble Causes ou Graveyard Shift, xa finalizada.

A nova vaga
Se no seu momento García López tivo que fixar a súa residencia en Estados Unidos para poder desenvolver a súa carreira, os autores que tentaron sorte neste mercado con posterioridade non precisaron de se desprazar. Na actualidade, os galegos que traballan para as editoras americanas fano desde a súa propia casa. O inicio da actual vaga migratoria pódese datar en 2008, cando Alex Cal e Emma Ríos comezaron en Boom Studios! coas series North Wind e Hexed as súas intensas carreiras transatlánticas. A eles seguiríanos en anos sucesivos e tamén con grandes cargas de traballo David Rubín e Xermánico. Con menor continuidade, Víctor Rivas coa súa Carapuchiña vermella Norberto Fernández, con Pajama Party, e as series para Image The Tattered Man e Retrovirus, ou as colaboracións de Xurxo G. Penalta en diferentes proxectos de Marvel ou Image sumáronse á pegada galegas no mercado estadounidense nos últimos anos. O último en chegar polo momento foi Miguel Porto, que está a piques de ver publicado o volume Allen son of Hellcock en Z2 Comics. Canda a todos eles, Miguelanxo Prado, José Domingo e Tirso Cons foron outros autores que achegaron obras aos catálogos de Alén Mar, nos tres casos con volumes traducidos. As candidaturas de Emma Ríos (2014 e 2017) e de José Domingo (2014) aos Premios Eisner, considerados os Óscar do cómic, amosaron a calidade das contribucións internacionais dos autores do noso país.

O interese por autores foráneos
A chegada dos autores galegos a Estados Unidos fai parte dun proceso polo que a industria americana aposta cada vez máis por recrutar creadores de diferentes partes do mundo. Os artistas consultados coinciden en sinalar varios factores para explicar esta tendencia. "Isto xa vén de lonxe. Hai anos só podían acceder a este traballo os autores que podían ir a entregar os seus orixinais na propia oficina da editorial. Despois tamén puideron aquele que tiñan acceso a correo urxente, e logo xa co fax e especialmente con Internet, isto estoupa", explica Xermánico. A maiores, apunta tamén causas estruturais noutros países para provocar a migración autoral cara a América. "Estes últimos anos hai unha concentración de mercados na BD. En países como Italia que tiñan unha industria potente están a desaparecer moitas editoras medianas, e moita xente está a probar sorte en Estados Unidos". Do mesmo xeito, Miguel Porto indica que a aposta por esa internacionalización é mais dos debuxantes que das empresas. "O interese xorde dos propios autores por entrar nun mercado no que se pode traballar ben. Alí levan collendo xente de fóra toda a vida, simplemente agora é máis sinxelo chegar".

Aperturas
O que si semella ter mudado nos últimos anos é a perspectiva da as editoras americanas sobre o xeito no que se poden debuxar bandas deseñadas, tamén de superheroes. Deste xeito, David Rubín apunta que "existe unha maior apertura de mente por parte de moitos editores. Nos últimos dez ou quince anos foise dando un relevo xeracional e entraron responsables nas editoriais que leron outras obras. Antes era xente que medrara só con cómic de superheroes, marcados por autores como John Byrne ou Neal Adams, mentres que os de agora mamaron xa moito cómic indie e alternativo. Do mesmo xeito tamén o público se abriu máis de mente. Houbo unha serie de obras de autores de fóra do mainstream que comezaron a funcionar moi ben e xente á que só lle gustaba algo moi concreto abriuse a outras cousas e deixáronlle de parecer raros estilos fóra do realista, tipo John Buscema ou Neal Adams, que predominou durante décadas". Do mesmo xeito, outros creadores detectan un maior interese do público por propostas alternativas. "Hai unha certa esixencia por parte dos lectores de maior diversidade, mesmo nas majors", sinala Porto. "Existe unha diversificación do mercado, os lectores están máis divididos e entón os editores tamén procuran novas interpretacións gráficas e novas olladas no guión. Apóstase por historias máis inclusivas, protagonistas femininas e por afastar o cómic da aparencia de ser algo para rapaces adolescentes", conclúe. No entanto, para Xermánico xa pasou o momento de maior apertura das grandes editoras, que segundo el restrinxen as propostas máis experimentais ás series menos populares ou a proxectos concretos. "Hai uns anos si que se procuraban novos estilos, pero houbo varios trompazos comerciais e agora hai unha orde das grandes editoras para os controlar. Fóra de produtos especiais búscanse acabados máis ou menos estándares para as series máis populares", explica.

Cuestión de estilos
Esta situación pode ter favorecido a entrada de creadores galegos e doutras latitudes nos catálogos norteamericanos. Para Emma Ríos "o feito de que coincidir que haxa alí tantos españois e galegos penso que ten que ver con que de algún xeito aquí se xerou unha escola de BD que na realidade é ficticia. O elemento común é que medramos a ler un pouco de todo, e entón apareceron estilos mixtos, sen que chegase a haber un cómic propiamente español. Non houbo, como si se deu alí, un adoutrinamento sobre como había que debuxar superheroes, aquí a xente puido reflexionar, formouse pola súa banda e acabaron saíndo unha serie de estilos bastante peculiares e persoais que en moitos casos poden se axustar para facer acción ou algo máis intimista, underground ou mesmo punk". Para a autora, isto diferenciaría a moitos dos creadores do país que na actualidade chegan a Estados Unidos fronte a "outros mercados como o francés, que tamén teñen unha estrutura máis academicista" aínda que recoñece que "tamén hai autores españois, en moitos casos saídos de escolas como a Joso que si poden ter unha orientación máis comercial". A coincidir con ela e a se centrar no caso galego, Álex Cal salienta que "en Galicia coincidimos varias xeracións con diferentes gustos e temáticas. Non hai un estilo ou patrón que nos defina. Esta variedade é un tesouro e axuda a que se poida ver o noso traballo en diferentes editoras e proxectos". Do mesmo xeito, Ríos destaca que "os galegos traballámolo sos, fomos formándonos por libre e vendo diferentes intereses. Ademais houbo moita comunicación entre todos. Coa publicación de fanzines ou ao ir en grupo a salóns como o de Barcelona creouse unha atmosfera que deu pé a que fosen aparecendo ideas, se abrisen portas e tamén se animase máis xente a saír fóra".

Unha linguaxe mundial
Malia a importancia que ten a orixinalidade é tamén o propio proceso de globalización o que facilita o acceso a diferentes mercados para os nosos creadores. "Ao final falas dunha linguaxe compartida, os autores e os cómics americanos exerceron unha grande influencia no noso propio crecemento", recoñece Álex Cal. Coma el, Tirso Cons, desde a súa experiencia a traballar para o mercado francés, salienta que "a nivel visual a globalización é absoluta e xa non nos renxe nada. Youtube, Instagram, memes... Recibes tantos impactos de autores, deseñadores ou fotógrafos de calquera lugar do mundo que ao final pérdeste. Pero ao tempo autores e público están máis abertos ver cousas novas, e para traballar tamén se pode estar en calquera lugar, todos os mercados están dispoñibles, pero é complicado porque tamén hai moita máis competencia". Emma Ríos pola súa banda coincide en que "hoxe con Internet todos somos iguais, todo está a un mail de distancia, e o mesmo che custa enviar algo a unha editora galega que a Cartoon Network".

A cuestión económica
Outro grande factor que pode explicar a preferencia da industria americana por incorporar autores foráneos é o económico. "Saimos máis baratos", explica David Rubín sen ningunha dúbida. "Co que pagan, en España vívese sen problema, pero alí non tanto. Moitos autores americanos van moi xustos e é coa asistencia a convencións, coa venda de orixinais ou con facer debuxos de encarga que redondean os seus ingresos. Son cousas que alí xa se contemplan como parte do negocio". Coincide Cons en sinalar que "hai xente que pode competir por prezo, porque o poder adquisitivo muda moito segundo os países". Porto tamén apunta o factor económico como un dos elementos que puideron influír na súa elección para o flamante Allen son of Hellcock. "Os guionistas estaban a preparar un proxecto que aínda non estaba vendido á editora, entón o mesmo pensaron en procurar un de fóra que puidese cobrar menos. Aínda que agora non penso que a editora me estea a pagar de menos".

Canda a esta cuestión, o traballo para mercados como o estadounidense no campo da banda deseñada presenta toda unha problemática e peculiaridades que abordaremos en sucesivas reportaxes desta serie. Os esixentes ritmos de traballo, as preferencias estilísticas ou temáticas da grande industria ou o desafío de realizar contactos profesionais a milleiros de quilómetros son algúns dos desafíos aos que se enfrontan os nosos creadores.