A gran colleita xeral

A illa de San Simón acolleu os premios Xerais 2017

A illa de San Simón acolleu os premios Xerais 2017
Gañadores dos Premios Xerais 2017. De esquerda a dereita, María Canosa, Santiago Lopo e Manuel Lourenzo
Os escritores Santiago Lopo, María Canosa e Manuel Lourenzo fanse cos Premios Xerais de Novela, Literatura Xuvenil e Literatura Infantil, respectivamente, cada un deles dotados con 10.000 euros. O fallo foi lido no transcurso da tradición gala convocada por Xerais na illa de San Simón (Redondela) este sábado 3 de xuño.

Trescentas persoas asistiron á lectura do fallo dos xurados dos tres premios Xerais, no transcurso dun acto literario-musical que estivo precedido por un discurso de Xurxo Mariño no que reivindicou a “convivencia das humanidades e das ciencias experimentais como componentes dunha única cultura”.

Unha novela no Camiño de Santiago
O xurado desvelou o gañador da XXXIV edición do Premio Xerais de Novela: Santiago Lopo, autor da novela “A arte de trobar”, profesor de francés na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra. Segundo Lopo, “A arte de trobar é unha novela que acontece no século XIII. Nela, unha troupe de artistas procedentes de Galicia percorre os camiños dunha Europa inmersa en duras loitas de poder. É un momento de cambio político, cultural e lingüístico. As persecucións relixiosas e as ansias expansionistas coinciden co auxe das cantigas galaico-portuguesas e co declive da lírica provenzal”, e o xurado definiuna coma “un bo artefacto literario que sobrancea pola plasticidade da súa escrita e que se caracteriza por un ritmo áxil e unha trama sorprendente”.

Espir os sentimentos
Pola súa banda, a enxeñeira María Canosa fíxose coa XXXII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, autora da obra gañadora, Muriel, que a autora define como nacida “da necesidade de dar voz á sinxeleza e complexidade simultánea de espir os sentimentos, ao calado, expresado en voz baixa. Do mesmo xeito que fala o amor, a ledicia e a tristura.”. Para o xurado, a obra “que decidimos premiar é orixinal, sedutora, nela cada palabra conta, pois é esa a súa esencia, a das palabras, a das que se din e a das que se calan. É tamén un canto á imperiosa necesidade da cor”.

Aventuras científicas
E o gañador da IX edición do premio Jules Verne de Literatura Xuvenil foi Manuel Lourenzo, cunha novela de aventuras e ciencia titulada Ceiba de luz. Para Lourenzo, a novela “encaixa no canon do relato de aventuras no eido da experiencia científica, polo que acae perfectamente ao universo de Verne que lle dá nome ao premio, cunha trama marcada pola intriga policial e cun achegamento ao fantástico lovecraftiano”. O xurado destacou da novela a “habelencia do autor ou autora no manexo dos recursos narrativos, por unha perfecta dosificación da intriga, pola viveza dos diálogos, pola evolución psicolóxica dos personaxes e tamén pola vizosidade das descricións, que espertan os sentidos das persoas lectoras e que as insiren no ambiente, por veces abafante, da selva amazónica”.
Discurso de Xurxo Mariño.