Teatro fóra do escenario nos váteres do CDG

A obra 'Unha rosa entre as pernas' inaugura o ciclo Teatro ob-sceno no váter dos camerinos

A obra 'Unha rosa entre as pernas' inaugura o ciclo Teatro ob-sceno no váter dos camerinos
Roberto Leal e Xosé Luís bernal, protagonistas de Unha rosa entre as pernas.
Os actores Roberto Leal e Xosé Luís Bernal “Farruco” son os protagonistas da peza de microteatro Unha rosa entre as pernas que representarán no baño dos camerinos do Salón Teatro de Santiago, sede do Centro Dramático Galego. A obra dirixida por Gloria Rico sobre un texto de Afonso Becerra de Becerreá abre o ciclo Teatro ob-sceno (fóra de escena), organizado polo CDG para darlle cabida a diferentes propostas que precisan dun espazo alternativo para a súa representación. Debido ás pouco usuais características do espazo de actuación só 12 persoas poderán asistir a cada unha das tres representacións de quince minutos previstas entre o venres 28 e o domingo 30. O váter dos camerinos do Salón Teatro será o escenario dunha historia ideada como un xogo arredor dunha aparente situación cotiá e do encontro fugaz entre dous personaxes. A compañía Teatro en Punto proponlle ao público participar desta brincadeira para intentar descubrir quen son estas persoas e se elas mesmas saben quen son ou se están a xogar ao despiste.


As entradas, a un prezo especial de 3 euros, estarán á venda no despacho de billetes do teatro os días de función desde as 18,45 h. Tras os pases de Unha rosa entre as pernas, darán comezo ás 21,00 h. as primeiras representacións da 18ª Mostra de Teatro Universitario de Galicia, organizada pola Aula de Teatro da Universidade de Santiago en diferentes espazos de Compostela.