Os Premios Gala do Libro Galego xa teñen finalistas

Entregaranse o 14 de maio en Compostela

A primeira edición dos Premios Gala do Libro Galego, que convocan conxuntamente a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e mais a Federación de Librarías de Galicia xa teñen finalistas. Entre os que deu a coñecer a organización a pasada fin de semana, destacan os cinco que optan do premio de mellor obra narrativa, ao que optan os últimos traballos de Manuel Rivas, Úrsula Heinze, Xavier Quiroga, Fran P. Lourenzo e Antón Riveiro Coello.

En poesía, pola súa banda, optan aos premios os volumes colectivos 6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, e mais Dez anos na porta. Antoloxía poética 2005-2015 do colectivo A Porta Verde do Sétimo Andar. Canda a eles, tamén está presenste Manuel Rivas con A boca da terra, Abrindo fiestras en carne viva, de Carlos López, oso, mamá, si?, de María Lado e mais Zonas de tránsito, de Ramón Neto. En canto á mellor iniciativa cultural ou de fomento da lectura compiten Culturgal, Espazo Lectura, a Fundación Manuel María de Estudos Galegos e mais a Praza das Letras de Carballo.

Os premios entregaranse nunha gala que se celebrará no Teatro Principal de Santiago de Compostela o vindeiro 14 de maio.