Vangardas que nunca marcharon

A retrospectiva de Francisco Mantecón no MARCO reivindica a vixencia do seu esencialismo

Francisco Mantecón. Sen título, 1990. Mixta sobre papel 75 x 105 cm. Colección particular
Francisco Mantecón. Sen título, 1990. Mixta sobre papel 75 x 105 cm. Colección particular
“Ando a sacar elementos do cadro e estou quedando sen cadro”. Así o afirmaba o artista plástico vigués Francisco Mantecón (1948-2001), a quen o MARCO de Vigo dedícalle a retrospectiva "Paixón e Cálculo" sobre as décadas de madurez da súa obra. Aproveitamos para coñecer máis a traxectoria deste artista que adoptou as avangardas formais do século XX.

A exposición “Francisco Mantecón. Paixón e cálculo” está comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre para o Museo de Arte Contemporeánea de Vigo (MARCO), quen a terá aberta ata o 31 de maio de 2015, para logo viaxar á Coruña á Fundación Seoane. Trátase dunha revisión de parte da traxectoria central do artista ao redor dun centenar de obras, procedentes de coleccións institucionais e máis de trinta prestadores particulares.

A publicación
Ademáis, a exposición vai acompañada dun proxecto editorial abordado por Galaxia con textos de varios autores: Francisco Sampedro, Antonio Doñate & X. Carlos Hidalgo, Manolo Figueras, Vítor Mejuto, Roque Lazcano Vázquez, Mar Vicente, Manolo Moldes, ademáis dos comisarios da exposición e directores do MARCO e da Fundación Seoane. O libro explica a figura e traxectoria de Mantecón, imaxes das súas obras e unha selección de citas do artista extraídas de entrevistas en prensa entre os anos 1976 e 1994.

”O tempo deulle a razón”
“Mesmo nestas primeiras décadas do século XXI, un dos paradigmas das vangardas históricas do século pasado, a depuración xeométrica das formas, continúa fomentando as máis diversas prácticas artísticas contemporáneas”, afirman os comisarios da exposición, quen sitúan neste proceso de simplificación e esencialismo a obra de Mantecón, e a conectan cos esforzos dos novos artistas galegos para “acaso sen ser conscientes desa liña de continuidade”, continuar nesa dirección de traballo. Para Cerviño e González-Alegre, a obra de Mantecón está de plena actualidade, “como unha plataforma de investigación para a arte máis nova”.