O diálogo predomina na nova temporada do Centro Dramático

Xardín suspenso e Ganas de ouvear serán as principais novidades

O Centro Dramático Galego presentaba esta mañá no compostelán Salón Teatro a súa nova temporada. A xeira, segundo destacou Manuel Guede, director da entidade, caracterízase polo "diálogo", un diálogo que atende de xeito especial á lusofonía. Segundo explicou Guede, "teño a impresión de que nesta temporada o CDG está a facer o que ten que facer. Dialogar, tecer complicidades, abrir camiños, pescudar territorios e marcar pautas quer serán importantes para o futuro do teatro galego".

Como unha das grandes novidades que se presentaron esta mañá, o Centro aborda a primeira edición do Proxecto Nós Territorio (Es)cénico Portugal-Galicia, continuador das propostas de intercambio que se desenvolveron o pasado ano co Alén Miño. No marco desta iniciativa o CDG producirá e estreará, baixo dirección de Cándido Pazó, a obra Xardín Suspenso, do dramaturgo luso Abel Neves. A proposta estrearase o vindeiro 20 de marzo, e como contrapartida o Teatro Nacional Dona María II de Lisboa estreará unha versión de Saxo Tenor de Roberto Vidal Bolaño.

No campo da produción propia súmase a esta obra a montaxe de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas de Carlos Casares, en cartel desde a pasada semana. Como coprodución o CDG abordará, canda ao Teatro Nacional de Cataluña, a montaxe da compañía Catrocadeiras Ganas de ouvear. Dani Salgado dirixe e escribe, con Joan Giralt, unha montaxe na que dialogarán textos dos poetas Alfonso Pexegueiro e Narçis Comadira.

Ademais destas propostas, o Centro Dramático presentou as xa anunciadas colaboracións con Voadora para A Tempestade, xa en cartel, e mais o proxecto lusófono Pangeia que chegará en abril a Galicia. Como proposta formativa, o dramaturgo Joël Beddows impartirá un curso de dirección de escena o vindeiro mes de xaneiro en Compostela.