Debuxar por debuxar

Diferentes propostas reivindican o pracer do debuxo e animan a practicar esta arte

Drink and Draw (Vigo)
Drink and Draw (Vigo)
Xente que se reúne para debuxar e tomar algo nun bar. Persoas que pasan uns días retirados nunha aldea para encher os seus cadernos de deseños. Grupos que quedan só para facer bosquexos. A seguir unha tendencia internacional, en Galicia diferentes iniciativas están a reivindicar o pracer do debuxo mediante convivencias, encontros... e combates.

A partir do vindeiro 8 de setembro unha vintena de persoas vanse reunir durante toda unha semana na Aldea de Senderiz no marco do encontro Bosquexo. O obxectivo, polo que pagaron unha cota de inscrición, é unicamente debuxar. Non se trata de crear obras conxuntas, nin de competir, nin de elaborar algunha grande creación. Os asistentes dedicaranse simplemente estar no lugar, darlle aos lapis e intercambiar experiencias con esta disciplina como eixe. Bosquexo é só o último exemplo de toda a serie de propostas que en Galicia están a reivindicar nos últimos anos o debuxo como actividade lúdica en si e que están a levar ao espazo público unha arte que a miúdo ficaba escondida.

Debuxar na aldea
Miguel Porto, coordinador de Bosquexo define o evento como "unha convivencia de debuxantes do natural". É dicir, xente á que lle gusta retratar as cousas que olla. "Non é un curso propiamente dito, trátase de xuntarse con máis xente que desfruta co debuxo. Estou certo de que vai resultar enriquecedor para todos, moitas veces apréndese moito vendo a outra xente traballar e mais falando". No entanto, a iniciativa inclúe unha serie de propostas á que os participantes poden se adherir, moitas delas, actividades que buscarán a interacción entre visitantes e poboación local. "Queremos que a xente percorra a vila. Haberá visitas ás festas da Nosa Señora do Viso, que son eses días, safaris debuxísticos, xincanas ou outras propostas", lembra Porto.

Implicacións
A actividade busca, canda ao desfrute dos seus participantes, "reactivar tamén a zona. Senderiz é un pobo pequeno e despoboado, pero mesmo a xente nova que marcha adoita voltar polas vacacións ou nas fins de semana. Entón pretendemos tamén que os asistentes documenten dalgún xeito a vida local e as persoas do pobo". Do mesmo xeito, "algúns dos veciños decidiron colaborar e conseguiron novos espazos e aloxamentos para o proxecto". Isto permitiu que o encontro ampliase a última hora as prazas ata a vintena. "Temos inscritos estudantes e afeccionados pero tamén uns cantos profesionais", sinala o coordinador.

Orixe e desenvolvemento
A idea de básica Bosquexo non é nova. "Hai anos fun a un encontro similar en Alemaña. Foi unha experiencia inmellorable, e desde entón pensei que era un formato ideal para achegalo a unha aldea galega"explica Porto. De cara ao futuro, a primeira proposta é "conseguir unha continuidade inicial para o proxecto, e estamos a pensar tamén que opcións pode haber para facer algo semellante para o inverno. Este tipo de actividades pode ser máis complexo con moito frío ou chuvia". Doutra banda, aínda que polo momento a iniciativa se sostén unicamente coas achegas dos asistentes, os organizadores non desbotar procurar tamén apoios externos para continuar coa actividade.

Beber e debuxar
O pasado mes de novembro de 2013, a Coruña acollía a primeira edición do Drink and Draw. De novo un formato foráneo que o colectivo Miñoco achegou ao noso país con grande éxito e que leva xa oito edicións. A proposta estendeuse en abril a Vigo, onde Sergio Covelo é un dos coordinadores desta proposta da man da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). O Drink and Draw vigués celebra este 5 de setembro a súa quinta edición. "Son quedadas para debuxar en cafeterías e bares. Tentamos que sexan lugares que posúan algo de encanto e que teñan un certo compromiso coa cultura". Desde a organización apúntase un tema de cada edición ao que os participantes poden cinguir libremente coas súas creacións. "Hai quen vén e está a traballar por libre no seu caderno, pero sempre se interactúa, tentamos amosar que o debuxo é unha actividade social".

Actividades e implicación
Con vistas a dinamizar o encontro, "propomos xogos como facer historias ou unha ilustración a partir de palabras ao chou, customizar unha personaxe ou crear unha ilustración entre todos ao xeito dun cadáver exquisito", sinala Covelo. A experiencia está a acadar un grande éxito, xa que na Cidade Olívica cada convocatoria acada entre 30 e 40 persoas e vai incorporando xente nova. "Hai xente que está no bar e ás veces apúntase ao ver a tantas persoas a debuxar. Ou hai quen acompaña a un que vén, e acaba a debuxar tamén. A xente divírtese e iso nótase".

O debuxo a labazadas
Aínda hai outros xeitos de levar a actividade de debuxar ao espazo público que está a conseguir un grande éxito no noso país. De novo da man da AGPI, no noso país celebráronse xa tres edicións do Combate de Debuxantes, dúas na Coruña e unha en Vigo. De novo falamos dun formato importado e adaptado. Segundo apunta Bernal, coordinador destas loitas na Coruña, "tentamos implicar máis os asistentes, e apostamos por debuxos de grande formato e por un sistema de votación do público con cartolinas de cores que facilita a participación", sinala. "Canda a isto, creamos unha serie de figuras que animan a festa. David Rubín fixo de presentador nas edición da Coruña e canda a el pomos a dúas persoas ou mascotas que axudan a nivel loxístico co material e animan a cada un dos debuxantes". Os participantes, aínda que se representan a si mesmos, actúan divididos en equipos de cores para facilitar a súa identificación. O reto ao que se enfrontan, realizar en catro minutos unha ilustración a partir de dúas palabras escolleitas ao azar polo público entre unha serie de propostas da organización. "Normalmente xa procuramos que dean pé a cousas bastante delirantes. Saen cousas como superguerreiro e psicanálise, por exemplo".

Competición
Aínda que co pano de fondo da competición, o ambiente en xeral é moi relaxado, ao que contribúe en boa medida a retórica de combate de boxeo que se emprega en cada un dos eventos. Bernal recoñece que para os autores "ás veces resulta complicado, porque é traballar en público e con pouco tempo, supón un certo estrés e hai xente que non se anima, pero a verdade é que moitos acaban superándose facendo cousas moi boas". O gañador leva un lote de material de debuxo e mais un trofeo honorífico ou un cinto de campión creado especificamente para cada ocasión. "Ao final sortéanse os debuxos que se fixeron para o combate e o público normalmente queda para os conseguir", explica Bernal.

Máis debuxo
Os organizadores destes eventos recoñecen que a súa impresión é que o interese por practicar o debuxo está a medrar. "Non só é unha cuestión de ocio para afeccionados. Mesmo os profesionais, e ata diría que especialmente eles, buscan estes espazos para se atopar de novo coa paixón que lles levou a se dedicar a isto. Ás veces converter o teu hobby na túa profesión pode facer que te queimes" explica Miguel Porto. Bernal Confirma que "realmente hai bastante tendencia nos últimos tempos a debuxar por debuxar e se divertir quedando varias persoas para o facer. Penso que hai máis xente debuxando, en diferentes citas deste tipo ves moitos estudantes ou afeccionados". Covelo, do mesmo xeito, advirte que "para nós resultou unha sorpresa que participe tanta xente. Semella que realmente hai base abonda para desenvolver este tipo de actividades, e aínda moitas persoas que non participan porque non as coñecen".

E máis propostas
Non son estas as únicas iniciativas que se moven arredor do debuxo como afección. O colectivo Miñoco convocou xa na Cidade da Coruña varias sesións abertas do xogo Pictionary, no que cómpre adiviñar o que representa un debuxo, a última a coincidir con Viñetas desde o Atlántico. Do mesmo xeito, tamén se celebran en diferentes espazos do país os coñecidos como sketchcrawls, encontros para debuxar do natural en contextos urbanos tanto paisaxes como retratos. Unha destas actividades fixo parte, por exemplo da última edición do festival Por Amor al arte da Coruña o pasado mes de febreiro. Segundo sinala Bernal, "nestas propostas vese moita xente e moi diferente. É moi interesante este tipo de actividades favorezan que a xente quede e debuxe, aínda que non sexa a nivel profesional".