As aulas que fixeron ponte

Repasamos o traballo das radios escolares cando se cumpren XX anos de Ponte... nas Ondas!

A experiencia radiofónica Ponte... nas ondas! celebra este 30 de maio a súa XX edición. Este proxecto de alcance internacional, que promoveu a candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO, naceu da man dun grupo de radios escolares en concellos próximos ao Miño. Repasamos, dalgúns dos fundadores, a importancia e posibilidades deste tipo de actividades educativas e o xeito no que cristalizou esta proposta.

Todo comezou no CEIP Altamira de Salceda de Caselas. Nunha data tan temperá como 1985 botaba a andar Radio Altamira, un proxecto escolar no que Paco González tivo unha importancia fundamental. "Eu cheguei a este centro e atopei uns amplificadores nun almacén. E comezamos as primeiras probas emisión e xogos de radio no patio". Un nome que se revela fundamental na posta en marcha e na difusión das radios nas escolas da zona é o de Xaquín Méndez. "Eu tiña a idea e el os medios para a desenvolver. Foi unha sorte. Eu preguntaba se se podía facer algo e el facíao realidade ou dicía que era imposible", lembra González. O dúo foi responsable en boa medida de colaborar na creación de radios noutros centros. Desde o CEIP Alxén de Salvaterra, Pilar González incide na importancia dos saberes de Xaquín. "A nivel electrónico é un auténtico manitas" . A mestra lembra que "o primeiro ano que fixemos Ponte... nas ondas! montamos unha emisora na Casa da Cultura de Salvaterra que case tiñamos que termar da antena pola xanela. Uns levamos a mesa de mezclas e outros un cassette, e empregámaos unha canción de Uxía para nos dar paso entre unhas radios e outras".

A difusión da radio
Na base da difusión deste tipo de proxectos nos centros da zona, Paco González sinala a coincidencia "dun grupo de mestres con moito entusiasmo polo traballo. Isto era algo moi ao noso alcance ao termos recursos técnicos, aínda que a radio era só unha parte de todas as actividades que faciamos". Pilar González, pola súa banda lembra que "nós aprendemos cos nenos como facer radio, ninguén nos ensinara como facer isto. Agora xa hai alumnos formados e xa son eles mesmos os que lles ensinan a outros". Ao tempo, apunta que o contorno no que se desenvolven estes proxecto é especialmente sensible á radio. "Segue a ter moita presenza nas casas, especialmente no medio rural no que nos desenvolvemos nesta zona, está presente en todas partes" explica Pilar González.

Potencial didáctico
Encol das posibilidades didácticas que achega a radio aos alumnos, xa desde primaria, Paco González sinala que "como instrumento pedagóxico é impresionante. Para eles estar diante dun micro é unha aventura que lles ilusiona. Poden falar de todo, das cousas que lles gustan. Un quere traballar as motos, outros poñen a súa música. E sempre tentamos traballar algún contido cultural, por exemplo falar dos castros ou das rías de Galicia". Entre outras habilidades que se desenvolven no seo destes proxectos "aprenden a buscar información, a redactar e teñen que elaborar os guións". Logo está toda a cuestión da oralidade. "Traballan a dicción, melloran a lectura, que ten que ser mais entoada e fluída". Para Pilar González, canda a estas habilidades, "para un neno de primaria que está a aprender a ler, falar diante dun micro ten moito mérito, isto axuda moito para falar en público e para as competencias de comunicación. E faille moita ilusión saber que os escoitan na casa". Fernando Telles, pola súa banda, apunta que "ao final empregan de xeito inconsciente moitas ferramentas que pode ser máis difícil traballar na clase, e fano con máis motivación".

A pegada da radio
Aínda que, segundo salienta Paco González, "hai programas que fican moi ben, para min a radio escolar é máis un proceso do que un resultado". Nese sentido salienta que "para rapaces que poden ter un certo nivel de desarraigo escolar é unha vía de integración. Moitos queren seguir a traballar nos programas, xa como técnicos ou como locutores. Como mostra da pegada que as actividades radiofónicas deixan nos estudantes, Paco González sinala que "nas xuntanzas de antigos alumnos do CEIP Altamira vemos que agora de adultos o que máis lembran e valoran son estas actividades". Unha experiencia que vai para alén dos que se implican na actividade. "Fai parte da vida cotiá do centro, os nenos xogan no recreo e ouven o programa ao tempo". Do mesmo xeito, no CEIP Alxén, Pilar González tamén apunta que "os alumnos din que achan moito de menos a radio cando van ao Instituto ou a outros centros. Están afeitos a que sexa a música da radio a que marca a entrada e a saída das clases, e vai mudando segundo o alumno que a poña".

A evolución a Ponte
A difusión deste tipo de propostas polos centros de ensino da zona deu, hai agora vinte anos, na primeira emisión de Ponte... nas Ondas! a contar con proxectos homólogos do Norte de Portugal. "Xa tiñamos as radios nos centros, coñeciámonos e faciamos traballos xuntos. Cando xurdiu a idea da man de Santiago Veloso, de facer unha ponte simbólica coa radio, foron xurdindo propostas. Comezamos en concellos onde existían pontes entre Galicia e Portugal, arrincamos en Salvaterra cando se inaugurou a ponte, fomos a Arbo... Logo chegou a candidatura a Patrimonio da Humanidade ou o emprego de Internet. O proxecto foi evolucionando cos anos e segundo se ían esgotando unha propostas aparecían outras novas", explica Pilar González desde Salvaterra.

Ollar atrás
Nesta vixésima edición, e como un xeito de botar atrás a ollada, o IES Pedras Rubias organizou unha exposición virtual que compila o traballo das diferentes edicións deste proxecto. "Ás veces, ao facer da radio algo habitual, perdemos a perspectiva sobre o potencial real da ferramenta. Quixemos recuperar este traballo para que se vexa a súa importancia".

A XX Edición
A vixésima edición do encontro radiofónico, que xa hai anos incorpora televisión por Internet, conta como unha novidade os premios Boas Ondas, que recoñece o traballo de profesores e alumnos en 6 categorías: mellor programa radiofónico gravado, en directo, en colaboración cunha emisora profesional, en vídeo, sobre algunha expresión do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués ou realizado fóra da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. A programación desenvolverase desde as 10 da mañá do día 30 durante 24 horas coordinada por UVIGO-TV, a televisión da Universidade de Vigo. Ademais, a Radio Galega realizará un seguimento especial durante a xornada e emitirá desde o auditorio Miralles da Universidade de Vigo un programa especial durante a tarde. A nivel de colaboración, o proxecto conta este ano con nomes como Luís Cardoso (Timor) Ana Paula Tavares e Artur Pestana "Pepetela" (Angola), Luiz Rufato e Otto Winck (Brasil), Manuel Jorge Marmelo e Pedro Miguel Rocha (Portugal), Germano Almeida (Cabo Verde) ou Suso de Toro, Agustín Fernández Paz, Rexina Vega, Carlos Quiroga ou Antonio Reigosa desde Galicia. Están previstas tamén conexións radiofónicas de emisoras profesionais de Barcelona, Madrid, Lisboa ou Braga, con locutores como Carles Francino da Cadena Ser ou Julia Otero de Onda Cero.

Máis pontes
De cara ao futuro, a actual edición abre a porta a novas aplicacións educativas de Ponte... nas Ondas! Desde a Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, Suso Rodríguez e Rosalía Fernández presentan nesta xeira unha proposta para abordar a iniciativa este a educación social. "Imos debater e expor o rol do educador social e ver o que podería ser introducir Ponte... nas ondas! neste campo", sinala Fernández. Nese sentido apunta que os educadores sociais poderían actuar como mediadores e promotores culturais no programa e facer propostas de convivencia, por exemplo, arredo do Camiño de Santiago. Trátase de profesionais que poden facer chegas importantes desde unha perspectiva diferente. Pensamos que pode ser factible e agardamos que se poida desenvolver unha colaboración neste campo". A ponte segue a medrar.