O estado da música nun vídeo

O documental Galician Hifi amosa desde dentro a situación da escena musical galega

Descubrir un panorama musical efervescente, variado e ata entón descoñecido para el foi o que levou a Bruno Vence a se achegar pola vía do documental ás bandas musicais. Galician Hifi, dispoñible na rede, amosa como as bandas contemplan unha situación que recoñecen moi positiva pero que ao tempo presenta importantes eivas.

"Teño un amigo que é fotógrafo de bandas de música e comecei a ir a concertos de grupos máis underground. E entón decateime de que había aquí toda unha escena que descoñecía. Xente que fai electrónica, psicodelia ou Nu Metal que eu pensaba que só existía en grandes cidades e fóra de Galicia. E entón quixen ver de onde viña todo isto". O interese pola cuestión uniuse á necesidade de facer un proxecto fin de carreira e deu como resultado Galician Hifi, un documental de media hora no que membros de diferentes bandas do país explican a súa visión sobre o panorama musical galego. Guerrera, Cró!, Unicornibot, Novedades Carminha, Telephone Rouges Triangulo De Amor Bizarro, Maryland ou Colectivo Oruga son algúns dos nomes que participan no filme, para o que Vence, en colaboración con Fátima Santiago, desenvolveu 18 entrevistas ademais de gravar ensaios, concertos e outros momentos. "A moitos chocoulles a proposta porque pensaban que nos centrariamos na música, e a min interesábame máis ver como conectaban entre sí e co público, como se formaban festivais e como creaban".

Pros e contras das tecnoloxías
O documental artéllase a partir de cuestións que se lles realizan aos diferentes grupos, na súa maior parte vencellados á escena indie e underground do país. O impacto das novas tecnoloxías e as súas posibilidades na música, por exemplo é salientado como un factor fundamental á hora de explicar a actual efervescencia. O abaratamento da gravación, a posibilidade de traballar con medios caseiros e a promoción a través da rede preséntanse en xeral como elementos destacados para as bandas do país, aínda que non faltaban tamén quen vía a banda negativa destas facilidades. "Había que dicía que agora hai moitas cousas onde elixir, e que ao mellor se un grupo non che entra no primeiro minuto descártalo e pasas a outra cousa", lembra Vence. Canda a isto, taméns se apunta que a desaparición para moitos dos grupos de intermediarios como discográficas e estudios de son poden dar en que "a calidade pode baixar un pouco". Carlangas, de Novidades Carminha, por exemplo, apuntaba a necesidade de que os grupos poidan darlle tempo ao seu traballo e madurar musicalmente.`

A dificultade de facer carreira
Esta inmediatez da elaboración da música e da súa difusión pode chocar pois co desenvolvemento dunha carreira e coa evolución sonora dos grupos. O problema entronca cunha das principais preocupacións que os grupos amosan no documental:A dificultade de se dedicar á música de xeito profesional preséntase como unha pexa que dá nunha relativa fugacidade das formacións e dificulta a consolidación e evolución das bandas. "Que un gupo non poida vivir do que fai obriga a que os seus membros teñan que buscar outros traballos, sexa en tendas, en fábricas ou en calquera cousa. Entón, por moito que che guste, co tempo vaise abandonando a actividade. E tamén hai xente que emigra e entón as bandas sepáranse", lembra Vence un caso que motivou, por exemplo, a desaparición de The Homens. E é que, como amadores, a música pode ser mesmo unha afección custosa, e son varios os grupos que sinalan o problema de ter que pagar por tocar en diferentes salas.

Axudas, unión e medios
Outros grandes problemas para a consolidación da escena son, segundo os grupos, a falta de apoio público e a división do sector. "Moitos grupos sosteñen que as axudas non van a quen deberían" lembra Vence. "Logo apuntan tamén que non hai unha unión entre as salas as produtoras e os músicos, e iso fai difícil que se poida conseguir algo". Na mesma liña, diferentes grupos sinalan a ausencia de medios de referencia que contribúan a dar a coñecer e a crear realmente unha perspectiva de escena a nivel galego, ao tempo que apuntan un descoñecemento sobre a escena galega dos medios tradicionais. Isto para moitos, dificulta un maior achegamento ao público e, polo tanto, a consolidación da escena.

O positivo
A responder ás expectativas do director, en xeral os grupos consultados coinciden en sinalar o bo momento polo que pasa a música galega e apunta aínda o potencial de desenvolvemento que teñen os grupos do país. "O positivo de todo isto é sobre todo ver como a xente se une para facer cousas, comprobar que existe unha variedade enorme de estilos e ver que grazas ás novas tecnoloxías, os grupos teñen máis esperanza para sacar as súas cousas. Isto hai dez ou quince anos parecía impensable", explica o director.

Malia ao resultado e ao eco que está acadar a proposta, Vence recoñece que o documental conta con ausencias importantes "por mor de termos un calendario moi marcado para presentar o proxecto e pola falta de orzamento". De cara ao futuro baralla a posibilidade de continuar con proxectos nesta mesma liña. "Unha idea que teño desde hai tempo e facer algo no mesmo estilo pero a falar da música, a ilustración e o audiovisual, que para min son tres escenas que agora mesmo están moi en contacto e interaccionas. A intención é ir facéndoo pouco a pouco, desta volta non temos prazos pero seguimos sen orzamento".