No interior da Noite Branca

Francisco X. Fernández Naval revélanos os secretos dunha das novelas máis comentadas da tempada

A noite branca (Xerais, 2012), a novela coa que o escritor Francisco X. Fernández Naval recrea a vida dos voluntarios galegos da División Azul na fronte rusa durante a II Guerra Mundial, está a colleitar premios, boas críticas e vendas, unha triada difícil de reunir en Galicia. O galardón Irmandade do Libro e unha segunda edición son o aval. Falamos con Fernández Naval para coñecer os interiores e o proceso de escritura dunha obra tan complexa no seu interior como asequible para o gran público.

Non é doado explicar o proceso de creación dunha obra artística tan complexa como unha novela de gran estensión (415 páxinas) e fonda ambición formal e temática como A noite branca de Francisco X. Fernández Naval. Así que deseñamos esta reportaxe multimedia na que, a través da nosa entrevista realizada por Google Hangout que podes consultar ao inicio da páxina e desta liña do tempo, poidas coñecer o lento e meticuloso proceso da escrita deste gran relato sobre a Galicia e Europa da II Guerra Mundial.

Consulta aquí a liña do tempo de elaboración da novela



Explora a nosa liña do tempo


O autor e a súa caixa

O escritor ourensán Francisco X. Fernández Naval recibiu un día da súa familia unha caixa chea de recortes e fotografías dos que quedou intelectual e emocionalmente prendado. Esta historia real foi o punto de partida para a creación de A noite branca, unha ambiciosa novela que transporta ao lector desde Ourense ata os campos de batalla da II Guerra Mundial na xélida Rusia. Sete versións da obra fixeron falta para que o manuscrito fose entregado á editorial, e dous anos de documentación previos cos que se tentaba dar coherencia ao mundo que se representaba aló, entre os que se inclúe unha viaxe en caravana aos escenarios nos que se suceden os combates da División Azul enviada polo Estado franquista para apoiar a fallida conquista nazi da URSS.

Catro camiños para narrar a historia
Para narrar unha complexa estrutura de tramas que entrecruzan o drama da Historia europea do século XX coa historia familiar e persoal, Fernández Naval optou por unha historia que se vai sucedendo a catro voces. A de Alfredo, o autor orixinal das cartas enviadas desde a Fronte aos seus pais, nos que destaca tanto o que se di como o que non se di sobre a crueldade dos combates. Está a imaxe de María Luisa, unha das personaxes máis poderosas da novela, e a máis presente no maxín de Fernández Naval. María Luisa exprésase cun monólogo interior. Está o relato de Alfredo, un escritor contemporáneo da familia, trasunto do propio autor. A súa personaxe, complexa e difícil de escribir, levou a Fernández Naval a refacer de xeito significativo a voz do narrador da historia dos soldados pelotón co cal corría perigo de mesturarse. E está o relato das aventuras e sucedidos do pelotón da División Azul formado por galegos, nos que o relato faise coral e vaise narrando a historia a partir de soldados e cidadáns de Europa que se van sucedendo os uns aos outros. Explora na nosa liña do tempo as transformacións da novela.

Un dos éxitos literarios do ano

Malia a complexidade interior de A noite branca o público galego valorou moi positivamente o lanzamento do libro a finais de 2012. Nun só mes -caso insólito en Galicia- esgotou a primeira edición. O libro recibiu o premio Irmandade do Libro, organizado pola Federación de Libreiros de Galicia pero continúa na esfera pública cunha inusual vida propia, a través da actividade: "A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria".

Trátase de conversas entre Francisco X. Fernández Naval e Antón Riveiro Coello, autor de Laura no deserto (Galaxia, 2011), un libro tamén exitoso e premiados. O formato é un diálogo entre os dous escritores (con libros en editoras distintas) que detectaron entre as súas novelas puntos de conexión tanto argumentais como técnicos, e que realizan unha reflexión sobre a II Guerra Mundial e a súa relación con Galicia. O periplo iniciouse en Compostela e seguirase por Ourense, Vigo, Rianxo e A Coruña.