A Fundación Benito Losada prepara a súa posta en marcha

A entidade quere garantir a continuidade de eventos como as Xornadas de Banda Deseñada e o Outono Fotográfico

A Casa da Xuventude de Ourense acolle ás seis desta tarde o acto preconstitutivo da fundación que levará o nome do seu falecido director, Benito Losada. A entidade nace por iniciativa dun grupo de amigos, colaboradores e representantes de institucións relacionadas con Losada, e ten a intención de prestarlle unha homenaxe e continuar o seu traballo. Deste xeito, un dos primeiros obxectivos da nova entidade será continuar coa programación anual das Xornadas de Banda Deseñada de Ourense, e do Outono Fotográfico, algunhas das citas que impulsou Losada na vida cultural ourensá.

“Sabemos que sen esta iniciativa desaparecerían esas actividades. Na Casa da Xuventude non hai capacidade nin orzamento para as abordar”, sinalaXosé Lois Vázquez, un dos promotores da entidade e coordinador do Outono Fotográfico. “A idea estaba na cabeza de moita xente que coñecía a Benito. Somos amigos pero tamén xente que participou con el en diferentes proxectos”, explica. A fundación contará tamén coa presenza da familia Losada e mais de institucións no seu padroado, das cales xa houbo confirmación por parte das entidades locais ourensás. O resto de adhesións coñeceranse a partir da presentación desta tarde.

“O proxecto nace xa cando Benito se xubila. Perguntámolle que era o que non quería que se perdese, e el tiña claro que se trataba do Outono Fotográfico e das Xornadas de Banda Deseñada. E xa estivemos a traballar niso”. Deste xeito, a continuidade destas citas preséntase como obxectivo fundamental da nova fundación. Canda a isto “queremos desenvolver actividades que perpetúen a memoria de Benito na cidade de Ourense e que non se perda o seu xeito de actuación. El detectaba xente activa e púñaos en contacto, xuntaba grupos, e iso é algo a reivindicar nos tempos que corren”.

Polo momento, Vázquez confirma a vindeira presentación, o 20 de outubro dunha nova edición do Outono Fotográfico, unha cita que logrou salvar os recortes orzamentarios. “O que se perdeu por unha banda cubriuse coa entrada de novas institucións nesta actividade, o que non está mal”, explica Vázquez. “Temos o programa fechado e vai ser un Outono como os de sempre”. Coa Fundación “queremos garantir un colchón económico para que cada ano se poidan abordar as actividades sen ter que estar solicitando apoios unha e outra vez”. Canda a isto, a Fundación prevé desenvolver un acto no que se aborde o xeito de traballar de Losada e, de cara ao futuro, ampliar a súa actividade a outros ámbitos.