A BD Galega á luz de Viñetas

Repasamos a situación da banda deseñada galega a coincidir co principal evento da súa axenda

Autor: Jano Viñuela
Autor: Jano Viñuela
Non se pode negar que o festival de cómic da Coruña, Viñetas desde o Atlántico, pode verse como un auténtico termómetro da situación da banda deseñada galega. Se hai poucos días falabamos da súa edición 2011, agora analizamos desde esta cita un panorama para a banda deseñada galega no que se anuncian mudanzas. Colectivos que marchan, editoras que medran ou xornadas que non teñen un futuro claro son algunhas das novidades.

Para alén do crecemento do peso da afección nos últimos na celebración deste evento, cun completo programa paralelo de dinamización e eventos, Viñetas desde o Atlántico achéganos pistas sobre a situación e a evolución do sector da BD, tanto a nivel comercial como de eventos. E o que está claro é que estamos nun momento de transición.

Éxitos internacionais
Desde a perspectiva galega, Viñetas pódese interpretar, tal e como apunta Portela, como unha caste de termómetro. Nese sentido, destacan varias lecturas que se poden tirar do evento.Deste xeito, o convite a David Rubín trascende o espazo tradicionalmente reservado aos autores galegos. O ourensán está presente no festival como un autor de renome internacional que está a presentar unha obra, El héroe cun eco inédito en medios de comunicación. É dicir, non se trata xa dun autor do país que se promociona e desenvolve unha exposición grazas ao festival, senón dun creador de primeira liña que, nesta ocasión, é galego. A tendencia repítese de anos anteriores con casos como os de Alex Cal e mais Fran Bueno. Quizais no futuro, de continuar a carreira exitosa de moitos dos nosos creadoares a nivel internacional, non sexa necesario reservar espazo ningún e teñamos creadores abondos en primeira liña para compartir cartel con figuras internacionais.

Edición profesional
Por outra banda, destaca desta volta a aposta de Demo Editorial por este festival como lugar de lanzamento. As tres novidades que presenta, A man do diaño, Punto de fuga de mais Cabana de Balieiros, sumada á carreira crecente desta firma e á continuidade de lanzamentos anunciada, sitúan o proxecto de Manel Cráneo como unha das opcións máis sólidas para os autores galegos que queiran ver publicadas as súas obras longas. De xeito paralelo, Faktoría K renova o seu interese no medio e nas propostas fronteirizas da novena arte con tres novos títulos, e El Patito comparece no festival cunha aposta forte como é a edición do traballo de Fran Bueno en Noble Causes. Novas entregas de Fiz e de Retranca amosan a vontade de continuar da Retranca Editora de Kiko da Silva no campo das publicacións periódicas. En xeral a aparente consolidación dos proxectos que apostan polos nosos autores pode resultar sorprendente nun momento de crise que afecta gravemente a moitas das nosas industrias culturais.

Cambio de protagonistas
Ao tempo que se percibe esta mudanza no campo da edición profesional, está tamén a relativa tristura da desaparición de Polaqia. E relativa porque, por unha vez, un colectivo non morre por un fracaso, senón máis ben ao contrario. Publicacións, festas e o anunciado interese dos seus compoñentes por seguir no traballo arredor da BD fan desta despedida, non causa desacougo, senón que se ve como un paso adiante cara a novos retos e novas razóns para o entusiasmo”. tal e como sinalaba recentemente Henrique Torreiro na súa columna para culturagalega.org. Ao tempo, o prolongado silencio editorial de BD Banda fai pensar que quizais estemos no final dun ciclo para a BD no que os dous proxectos máis veteráns de asociacionismo arredor da banda deseñada estean a dar o relevo a novas formas de traballo e de edición. A facer balance entre os dous ámbitos, detéctase unha diminución no número de publicacións que chegaron este ano ao Festival da Coruña, xa que se o ano pasado se deu a marca 20 títulos, desta volta quedaron en 13. Canda á diminución das edicións de fanzines, a crise económica pode explicar en certa medida a merma.

Xornadas
Se xa de xeito habitual o festival da Coruña é a maior cita dedicada á novena arte no país, este ano brilla especialmente, sobre todo porque os outros eventos dedicados a este xénero non están no seu mellor momento. Deste xeito, malia a que xa non é a primeira vez queas Xornadas de Banda Deseñada de Ourense carecen de posto no Viñetas desde o Atlántico, chama a atención a falta de novas sobre este veterán evento da nosa BD. Cando noutros anos na altura de xuño ou mesmo antes, xa se coñecía o cartel da seguinte edición, desta volta continúa o silencio sobre a vindeira convocatoria. O recente falecemento de Benito Losada e a chegada aínda a pasa semana do seu substituto na dirección da Casa da Xuventude de Ourense, deu nunha demora na preparación da vindeira xeira. No entanto, persoal vencellado á organización e fontes da propia Casa da Xuventude garanten a celebración no vindeiro outono dunha nova edición, aínda que recoñecen que está aínda en preparación programa e que será complicado conseguir que manteña o nivel de anos anteriores, tanto polo tempo como por recortes orzamentarios. Polo de agora confírmase unha exposición de homenaxe a Benito Losada con participación de diferentes autores do noso país. Canda a Ourense, este é o segundo verán no que falta na axenda a tradicional antesala de Viñetas para os afeccionados: O Salón do Cómic de Cangas. Pero se o ano pasado o evento mudara de formato e se trasladara ao outono, este ano directamente non se celebrarán. O novo goberno municipal na vila do Morrazo apostou por retomar o modelo habitual do Salón, voltando para o verán. No entanto, o escaso tempo desde a súa toma de posesión impediu que neste ano se celebre, polo que haberá que agardar o seu retorno para 2012. Do mesmo xeito, a longa demora sobre as IV Xornadas de BD de Pontevedra (a anterior edición é de 2008) fai pensar na desaparición deste proxecto.

Outra cuestión pendente na BD é a convocatoria das segundas bolsas de axuda á creacion de banda deseñada. Aínda que Cultura anunciara a súa intención de as convocar na forma de premios, non hai novidades ao respecto, e a proposta acumula xa un considerable atraso. Do mesmo xeito, calquera outra política de promoción da novena arte semella ter desaparecido da axenda autonómica.

En resumo, semella que boa parte dos proxectos que estiveron a dinamizar a nosa BD ao longo da última década están a ceder o seu protagonismo a novas iniciativas. Ao tempo, sexa pola crise económica ou por mudanzas políticas, boa parte do apoio institucional que historicamente impulsou boa parte do sector está a desaparecer ou pasar por épocas máis ou menos complicadas, con honrosas excepcións como o propio Viñetas. Queda por ver se o modelo que resulte das actuais tendencias, aparentemente máis centrado na iniciativa empresarial, logra manter ou desenvolver a edición e, sobre todo, a difusión dun xénero que aínda ten moito por medrar a nivel de recoñecemento público e de prestixio no mundo cultural.

Lámina de Emma Ríos á venda na caseta de Solosontoys

Lámina de Emma Ríos á venda na caseta de Solosontoys

Lámina de Xurxo Penalta á venda na caseta de Solosontoys

Lámina de Xurxo Penalta á venda na caseta de Solosontoys

Láminas e camisetas de autores galegos á venda en Viñetas 2011

Láminas e camisetas de autores galegos á venda en Viñetas 2011

Lámina de Jano Viñuela á venda na caseta de Solosontoys

Lámina de David Rubín á venda na caseta de Solosontoys

Lámina de David Rubín á venda na caseta de Solosontoys

Lámina Álvaro López á venda no stand de Polaqia

Lámina Álvaro López á venda no stand de Polaqia

Camisola de Manel Cráneo á venda no stand de Demo Editorial

Camisola de Manel Cráneo á venda no stand de Demo Editorial

Camisola de Manel Cráneo á venda no stand de Demo Editorial.

Camisola de Manel Cráneo á venda no stand de Demo Editorial.

Poster de Guitián e Leandro á venda no stand de Polaqia

Poster de Guitián e Leandro á venda no stand de Polaqia

Poster de Guitián e Leandro á venda no stand de Polaqia

Poster de Guitián e Leandro á venda no stand de Polaqia

Poster de Guitián e Leandro á venda no stand de Polaqia

Poster de Guitián e Leandro á venda no stand de Polaqia