Viñetas 2011: Reflexión e dinamización

A ollada á BD estatal centra unha edición dun festival no que a afección ten un protagonismo crecente

Viñetas desde o Atlántico está a demostrar que, malia á crise económica e ás críticas que en anos anteriores recibiu o festival, sabe continuar o seu camiño, desta volta coa ollada centrada na evolución da BD española. No entanto, cada vez semella máis claro que a evolución está a lle vir da man dun sector que olla a cita coruñesa como unha festa, un lugar de reunión e mesmo como un espazo de interese profesional.

Deste hoxe e ata o vindeiro 14 de agosto a Coruña acolle unha nova edición do seu festival de banda deseñada. A ollar o programa, pódese pensar que hai unha certa pegada da crise no evento en detalle como o feito de que na lista de exposicións se multipliquen as mostras antolóxicas (Piratas, Pitufos e superheroes) fronte a unha oferta tradicionalmente marcada polos nomes de pesos pesados da BD, ou que a estrela das exposicións desta xeira, os orixinais da Valentina de Guido Crepax xa se puidese ver o pasado mes na Semana Negra de Xixón. Do mesmo xeito, o feito de que repitan como convidados Díaz Canales e Juanjo Guarnido (aínda que desta volta co seu flamante premio eisner e a última entrega de Blacksad baixo o brazo), a ausencia de estrela do mercado americano ou a abrumadora pegada da BD española nos convidados ao evento, fan pensar nos axustes económicos propios desta época.

Reflexión sobre España
No entanto, Carlos Portela, subdirector do evento, apunta que a elección de mostras e convidados responde máis a un interese da organización por facer un repaso da situación da BD a nivel estatal. “Non é cousa da crise, temos a exposición de Crepax e poderíamos traer algunha máis, cando pensamos nesta edición falamos sobre a situación e pensamos cales poderían ser os puntos fortes. Entón quixemos botar á vista atrás e verificar as modificacións que está a experimentar a BD en España nos últimos anos. E é que se ollas que é Alfaguara quen edita a versión en cómic que fai Pere Joan de Nocilla Experience ou o éxito que están a ter Guarnido e Canales con Blacksad comprobas que está a mudar algo”, explica. “En xeral penso que para os autores creativamente o panorama está moi ben, economicamente non tanto, pero semella que por fin se está a dar a revolución nos contidos, e tamén nos formatos e mais nas publicacións”.

Melloras
Débese destacar, de calquera xeito, melloras destacadas na organización do evento. A descentralización de actividades cara ao espazo das librarías, A rúa da BD e o feito de que o espazo albergue agora propostas de diferentes colectivos está a conseguir unha dinamización que antes non existía no evento. Canda a isto, a existencia nas dúas últimas edicións dun web oficial no que se van anunciando convidados e que permite coñecer o programa con antelación, rematou cun desleixo informativo que era imperdoable nun evento destas características. Semella que acabou a tradición de non saber os horarios de presentacións e sinaturas ata pasados tres ou catro días da inauguración.

O factor empresa
A tendencia que está a marcar a evolución do festival nas súas edicións máis recentes é o protagonismo que están a adquirir, nos últimos anos os actos paralelos aos da propia organización. “Era lóxico que se desenvolvesen este tipo de propostas e penso que é un complemento para o festival, que ten o seu eixe nas exposicións e no encontro cos autores. A rúa da BD é o elemento máis festivo do evento”, recoñece. Se as editoras e colectivos galegos xa tiñan nestes espazo un punto fundamental na súa programación anual, o incremento de produción está a se amosar nun crecemento de actos promocionais. Para alén, están a se integrar na listaxe de presentacións e sinaturas editoras foráneas, que apostan por tirar en agosto lanzamentos importantes con vistas a chegar ao festival con novidades. O traslado das presentacións á Rúa da BD o que facilitou a realización de sinaturas é un dos factores que pode estar detrás deste maior protagonismo da parte empresarial da novena arte, unha situación que contrasta cunha certa redución na aposta por publicacións amadoras. “Poida que a nivel de presentacións dos proxectos galegos houbese máis movemento noutros anos, pero iso depende moito de cada momento. Nese sentido a Rúa da BD actúa un pouco como termómetro para amosar o que acontece no país. Vense novos intentos ao tempo que xente que leva xa uns anos pasou a ámbitos máis profesionais”, apunta Portela. De calquera xeito, son nada menos que 13 as novidades de autores ou editoras do noso país que se presentan no evento, fronte ás 20 da pasada edición.

A afección medra
Canda a isto, a dinamización que a Rede de Bibliotecas está a achegar á banda deseñada está a supor un antes e un despois no xeito no que se vive o festival. Concursos, obradoiros e todo tipo de propostas permiten un achegamento activo ao mundo da banda deseñada e animan enormemente a zona de postos. A venda de láminas e de orixinais que comezou recentemente demostrou o seu éxito e semella continuar e afianzarse como un punto máis no atractivo da cita. E se xa eran clásicas as festas que desenvolvían algúns dos colectivos de autoedición coruñeses, no caso de Polaqia mesmo coa colaboración de Astiberri, a oferta está a se ampliar con concertos de formacións vencelladas á BD, por exemplo Banda Aparte, que oferta un concerto no Pub Garufa o vindeiro venres 11.
A aproveitar o espazo de difusión que supón o festival, mesmo actividades non estritamente vencelladas á BD atopan o seu oco no evento. Torneos de cartas, xogos de rol, pintado de miniaturas ou disfraces de personaxes de manga e anime (cosplay) danse cita. Colectivos como Mangalego, Movemento Xove ou Draco son responsables de parte da dinamización desta área. Estes movementos revelan a existencia dun tecido social crecente arredor da BD en Galicia, tanto a nivel de afeccionados como de colectivos, institucións e mesmo de empresas e librarías. Aos poucos, o sector vai collendo protagonismo nun evento que naceu desde unha perspectiva puramente municipal.

De cara ao futuro, semella garantida a continuidade de Viñetas na Coruña. “Hai uns anos o concello fixo indagacións e verificou que o festival era un dos eventos culturais máis valorados pola cidadanía e mais os visitantes, e que mesmo tiña un efecto chamada para outras cousas. Está perfectamente asentado e mantén a súa vocación popular ao tempo que atende o interese de afeccionados xa de longa duración”. Cun aniversario redondo para a vindeira edición, a organización do evento prepara sorpresas. “Aínda non se sabe ben, pero queremos facer algo que chame a atención, é moito tempo en marcha” apunta Portela.

<i>A man do diaño</i> de Brais Rodríguez

A man do diaño de Brais Rodríguez

<i>Bajo asedio</i>, de Álvaro López

Bajo asedio, de Álvaro López

<i>Cabana de Balieiros</i>, de Tokio

Cabana de Balieiros, de Tokio

<i>Causas Nobles</i>, de Fran Bueno

Causas Nobles, de Fran Bueno

<i>Desertora</i> de Sergio Covelo

Desertora de Sergio Covelo

<i>El señor Top</i> de Fernando Krahn

El señor Top de Fernando Krahn

<i>Historias de Mestre Raposo</i>, de Bruno Haitz

Historias de Mestre Raposo, de Bruno Haitz

<i>Me aburro</i>, de Marc Rosenthal

Me aburro, de Marc Rosenthal

<i>Retranca</i> número 32

Retranca número 32

<i>Punto de fuga</i>, de Miguel Cuba

Punto de fuga, de Miguel Cuba

Sketchbook David Rubín

Sketchbook David Rubín

Galería: Novidadades galegas en Viñetas 2011

Galería: Novidadades galegas en Viñetas 2011

Unha das capas de Barsowia 16

Capa de <i>Barsowia</i> 16

Capa de Barsowia 16

<i>Fiz</i> número 2

Fiz número 2