O cerne dos libros

A Libraría Couceiro recupera un selo editorial para editar primeiras edicións

“Estamos facendo o que xa se debía ter feito hai tempo”, afirma Xesús Couceiro, o veterano libreiro do establecemento do mesmo nome na Praza Cervantes de Compostela. Refírese a unha nova iniciativa da editorial, que combina a experiencia como libreiros de vello da empresa co aproveitamento das oportunidades das novas tecnoloxías e o novo escenario do libro como obxecto. O obxectivo: dixitalizar primeiras edicións dos libros senlleiros de autores galegos e servilos á carta. Algo que comezaron a facer editoriais foráneas e que Couceiro quere recuperar para Galicia.

Xesús Couceiro, alma mater da Libraría Couceiro está inmerso nun proxecto complementario á tradicional oferta do establecemento, especializado en libro galego e en libro antigo, do cal é unha referencia a nivel galego. Couceiro adquiriu un pequeño selo editorial, con máis de 25 anos de actividade, chamado Edicións do Cerne, e do que fora cofundador Luis Mariño. Na última década Do Cerne tivera unha actividade intermitente e en retroceso, ata que foi adquirida pola Libraría.

Agora, o selo editorial agrupará os proxectos novos de Couceiro, pero non reeditarán o catálogo previo. E os proxectos novos teñen un denominador común.
“Son facsímiles de primeiras edicións de autores galegos que non teñen dereitos de autor”, sinala Couceiro, aínda que o criterio de selección de obras e partes de obras responde tamén a outros criterios editoriais. Por exemplo, o interior do primeiro libro editado polo selo, La Cocina Práctica, de Picadillo, contén o interior facsímile da primeira edición pero a vistosa portada pertence á octava. “Non nos meteriamos nisto se non tiveramos o coñecemento do negocio do libro de vello”, asegura Couceiro, “xa que temos capacidade para localizar exemplares que están no mercado”.

Un dos elementos máis interesantes do proxecto é precisamente aproveitar sinerxias entre a reedición destes libros a partir de valiosos exemplares que a librería ten en depósito. Como asegura Pablo Couceiro, “o prezo dunha primeira edición orixinal é moi elevado e só pode ser adquirida por un cliente moi especializado”, pero canda esa liña habitual do negocio, a empresa agora permite que outros clientes poidan dispoñer tamén dunha réplica desa publicación a un custo, obviamente, moito menor. Para a propia editorial, os custes de produción son moi reducidos. “A través da edición dixital facemos tiradas moi pequenas, en función da demanda, porque hoxendía os grandes custes no mundo editorial son máis ben o almacenamento”, asegura Xesús Couceiro. “E hai demanda para estas primeiras edicións?”, preguntámoslle ao libreiro. “Por suposto que si”, asegura.

A gastronomía como punto de partida
A primeira liña editorial busca, precisamente, esa proximidade a temas populares. Unha colección de libros gastronómicos galegos, dirixida por Guillermo Escrigas e Fausto Galdo, que comezou co Picadillo referido previamente e ao que seguirán algunhas publicacións sorprendentes. “Estamos xestionando coa Biblioteca Nacional a edición dun exemplar único. Un incunable de 1486 feito por un galego para a raíña Isabel a Católica. É un tratado de protocolo, boas maneiras na mesa”, asegura Couceiro, “e tamén estamos traballando cun libro de receitas de Catalina de la Cerda y Sandoval, muller do VII Conde de Lemos”, é dicir, un receitario de a cabalo entre o século XVI e XVII. Ou mesmo máis curioso, o receitario que a María Elvira Fernández, “Maruxa Seoane”, muller de Luís Seoane foi publicando en revistas uruguaias e arxentinas.

Canda estas publicacións, o relanzado selo Do Cerne está a traballar noutras liñas cunha Historia de Betanzos e nunha Historia de Galicia de Vaamonde Lores, ou a novela La marquesa de Camba de Antonio Neira de Mosquera. No tempo do libro dixital, a Libraría Couceiro busca recuperar o valor físico das primeiras edicións.