O Consello da Cultura integra gastronomía e literatura nunha homenaxe a Cunqueiro

A Cociña Galega con Cunqueiro dará a coñecer o autor en máis de 50 restaurantes

Integrar por vez primeira a literatura de Álvaro Cunqueiro coa gastronomía. Esta é a proposta de A Cociña Galega con Cunqueiro, a actividade que presenta esta tarde o Consello da Cultura Galega. A iniciativa levará a diferentes restaurantes do país interpretacións das receitas que se poden atopar na obra deste autor. No marco da campaña distribuiranse nos establecementos de restauración vencellados, que xa superan o medio centro, o libro Na mesa con Cunqueiro. Antoloxía gastronómica e literaria, realizado por Miguel Vila Pernas. A campaña preséntase ás oito desta tarde no Auditorio de Novacaixagalicia en Santiago de Compostela, nun acto no que se poderán degustar tapas inspiradas na gastronomía presente no traballo do mindoniense.