Novos selos e políticas editoriais para un ensaio vinculado á actualidade

Faktoría K e 2.0 Editora apostan polo ensaio “cívico” para 2011

Dúas editorias abren ou potencian as súas liñas de ensaio. Mentres Factoría K inaugura co opúsuculo Indígnate!, de Stéphane Hessel, a súa colección de ensaio Ágora, 2.0 Editora comeza a introducir autores galegos na súa colección de non-ficción Supertextos. E teñen características en común: fuxir do ensaio máis académico e procurar temas e autores apegados a unha realidade que obriga a facer múltiples preguntas.

“Pensamos en libros que teñen data de caducidade. Que fosen consumibles que deberan durar un máximo de oito anos ”, afirman Antón Lado e Eva Rivas, editores de 2.0 Editora. Aínda que a colección de ensaio Supertextos desta editora é unha das liñas propias desde o seu nacemento na que teñen publicado a autores como David de Ugarte ou Xavier Roig, os vindeiros meses verán a publicación de tres libros de temática política escritos por coñecidos políticos e comentaristas galegos. Carlos Vázquez Padín, líder do novo partido Converxencia XXI, de corte galeguista liberal, inaugura a nova aposta con Galeguismo e liberdade. Seguiranlle Rafa Cuíña, que falará da súa óptica do galeguismo e Manuel Barreiro, que actualizará en impreso o seu libro electrónico A novísima dereita e nós.

“A nosa é unha proposta fundamentalmente cívica”, sinalan os editores, “un espazo de diálogo e non só de publicación, no que haxa mesmo unha interacción física cos autores”. O obxectivo é conectar co presente: “cada vez nos afectan máis temas, e iso é o que demandamos nestes libros. Información con propostas que os cidadáns podemos utilizar”. 2.0 Editora alternará autores galegos con internacionais. De feito, é inminente nesta colección o lanzamento das agardadas memorias de Julian Assange, fundador de Wikileaks. A velocidade coa que as editoras incorporan importantes novidades internacionais é un aspecto importante, “aínda que imos ao ritmo que nos marcan os axentes”, laméntase Eva Rivas.

As circunstancias do contexto económico e político actual son tamén para Paz Castro, de Factoría K, “o que temos que facer as editoriais é estar pendentes das demandas e inquedanzas dos lectores. O contexto da crise económica ten que ver con isto: hai moitos motivos de fricción neste mundo. Basta con que un dos nosos veciños abra a porta para ver problemas, non é preciso ir a Libia”. A nova colección Ágora de Factoría K editará dous ou tres títulos anuais, tanto de actualidade como combinados con obras de fondo, “textos emblemáticos do pensamento critico”.

As dúas editoras coinciden nun aspecto que ata agora rexiu moita da edición de non-ficción en Galicia: o academicismo. Os novos libros de Factoría K ou 2.0 Editora están escritos máis desde a sociedade civil que desde a universidade; tamén buscan un novo público se cadra diferente a esoutro ensaio, un público máis amplo e heteroxéneo. Existe ese mercado en Galicia? Antón Lado asegura: “non sei se existe ese público, pero a idea é crealo”.