Xestión con nome propio

Fina en Ourense Benito Losada, un dos pioneiros da xestión cultural en Galicia

Promoveu o Outono Fotográfico de Ourense, as Xornadas de Banda Deseñada, a Mostra Internacional de Teatro (MITEU) , o Premio Ourense de Contos… foi un dos xestores culturais máis activos que coñeceu a provincia de Ourense. Benito Losada (Lugo, 1946) finou esta fin de semana en Ourense por mor dun cancro que lle diagnosticaron hai pouco máis dun ano. A morte de Benito Losada serve para destacar a relevancia do papel dun xestor cultural.

“Hai moitísimos proxectos que para que se convirtan en realidades frutíferas van ligadas a unha persoa. Se falamos de Sargadelos falamos de Isaac Díaz Pardo, se falamos de Galaxia falamos de Paco del Riego como motor” afirma o historiador Afonso Vázquez-Monxardín a propósito do pasamento de Benito Losada, un dos xestores culturais máis coñecidos en Galicia, polo seu traballo canalizado a través da Casa de Xuventude de Ourense. De feito, Henrique Torreiro, presidente da Federación de Asociaciones de Ilustradores Profesionales (FADIP), e amigo de Losada co que colaborou en numerosos proxectos, asegura que “o labor de Benito fio moito máis alá do de director dunha institución”. E iso traduciuse nunha implicación personal que permitiu unha visión profesionalizada e aberta do que era a cultura. Para Torreiro, “a súa importancia radica nese concepto tan difícil de definir que é procurar que as actividades queden organizadas de forma horizontal, fora a través de asociacións culturais, xuvenís ou ONGs, implicando a xente e a estrutura que vai habendo dentro dunha casa da xuventude ou arredor dela”. Para Monxardín ese carácter especial que tiña Losada permitiu que a casa que dirixía “fora un espazo aberto pola súa eficacísima e tranquila xestión a todas as iniciativas que ían xurdido”. Entre elas destaca tanto a presenza en Ourense de Joao Afonso en tempos da revolución, ata os torneos de rol, como outras iniciativas coma o maio xove, outono fotográfico, as xornadas de Banda Deseñada de Ourense. “Como bo xestor cultural parecía que todo era moi fácil, non se vía o traballo de organización, que é complicadísimo, e só se vía o produto resultante. Creo que Benito conseguíu co talante afable e tranquilo que tiña, crear un espazo de encontro único ou case único en Galicia”.

Ademais, tanto Henrique Torreiro como Afonso Vázquez-Monxardín destacaron o papel que a Casa da Xuventude desenvolveu en Ourense, superando esa etiqueta (de xuventude) para implicar a todos os axentes e asociación culturais. Por iso, alén da súa inestimable perda humana, destacan a continuidade do seu papel de xestión cultural. “Moitas das iniciativas que promoven conseguen recambio ou outras non” asegura Monxardín, no entanto que afirma que “se pecha un tempo histórico de traballo eficaz e bondadoso, afable, sumativo e de confluir esforzos”.

A relevancia dun xestor cultural
En Benito Losada recaían múltiples cualidades para que o seu papel de xestor cultural acabase aunando tantos proxectos como asumiu nestes trinta anos que exerceu como director da Casa da Xuventude de Ourense. Para Henrique Torreiro, que o define como un “catalizador ou un impulsor que, aínda que non estaba en todas as cousas por igual, pero si estaba por detrás de todo”. Un talante que lle serviu para unir a infraestrutura, coñecementos e contactos para dar acubillo a todas as propostas. Monxardín exemplifica todo este traballo na última edición do outono fotográfico, no que participaron máis de 400 fotógrafos en actividades que estaban espalladas por toda a provincia. E, ademais, porque tivo lugar “nese ano de prórroga que lle concedeu a súa enfermidade” . A súa foi unha capacidade de diálogo ao “levantar o teléfono e chamar e convocar sen mediatizacións de filias e fobias políticas a todo o mundo”, afirma Monxardín. E ese debe ser o perfil dun xestor cultural. Na opinión deste historiador “un xestor cultural ten que ter un coñecemento básico de cómo funciona a administración e ter uns recursos de coñecementos e de contactos para facer que as cousas funcionen”. Para el, non se trata de coñecementos, senón tamén de actitude, que lle permite “transformar as ideas en iniciativas, as iniciativas en proxectos e os proxectos en realidades, todo seguido e sen pausas”.