Once obras galegas seleccionadas nos premios mundiais Gourmand de libros de gastronomía

Competirán en París para lograr ser o mellor libro de cociña do mundo do 2010

Os Gourmand World Cookbooks Awards son os máis importantes premios de libros sobre gastronomía do mundo, considerados como os Óscars do xénero editorial agroalimentario. Para a edición de 2011 a asociación organizadora ven de seleccionar, entre os libros editados en España no ano 2010 once obras xurdidas da nosa edición.

Así na categoría de obras en lingua galega están , en diferentes sub-categorías Peixes e Mariscos. A cociña do mar, de Mariona Quadrada, editado por Baía Edicións; Santiago(é)tapas. Libro de receitas, coedición do Consorcio de Turismo de Santiago e Baía Edicións; Guía Secreta da Gastrononía de Galicia-Ourense, de Martín Álvarez en Alvarellos Editora; do mesmo escritor O Barquilleiro, Vendedor d’Olvido, publicado por Toxosoutos; A Rosa do viño de Xavier Castro editado por Galaxia; A Mesa e manteis, tamén de Xavier Castro para Biblos; en dúas categorías estará o libro Castaña Patrimonio Gastronómico editado por A Rexidora e polas súas fotografías o libro de Xurxo Lobato publicado por Xerais No país das vacas. Xa dentro da sección de libros en castelán tamén hai presenza galega a través das obras Nicolás Cocina sin Fuego editada por Kalandraka; Caney, de Xurxo Fernández editada polo restaurante compostelán do mesmo nome; e La Cocina de Benigno Campos publicado en castelán por Everest. Todos eles competirán nas súas categorías con outros países e polo prestixioso “Best in the World”, nun certame que se celebrará o vindeiro 3 de marzo de 2011 en París. A gastronomía galega xa estivo presente con importantes premios en anteriores edicións con libros de Flavio Morganti (editorial Everest) e Martín Álvarez (Alvarellos Editora).